Da folga do 8M ao Día da Clase Obreira Galega

Da folga do 8M ao Día da Clase Obreira Galega
[Imaxe: Wikipedia] Monumento ao 10 de Marzo
[Imaxe: Wikipedia] Monumento ao 10 de Marzo  

Dous días após a greve convocada con motivo do Día Internacional da Muller, as traballadoras e traballadores sairán á rúa para conmemoraren o Día da Clase Obreira Galega. Do asasinato de Amador Rey e Daniel Niebla, operarios de Bazán, o 10 de marzo de 1972 nun ataque da policía franquista en que resultaran feridos medio cento de persoas, abrollou a batalla pola defensa dos dereitos da clase traballadora galega. Eis un extracto da reportaxe publicada no Sermos Galiza 287.


6“Era inverno cruel de chumbo e norte / no corazón daquelas que esqueceran / a verdade dos que ían polas rúas. / Era inverno, mentira e traidoría”, escribira Darío Xohán Cabana no seu Ferrol 72: Daniel e Amador. Manuel María, co pseudónimo de Xohán Esteiro López, tecía o Poemas de urxencia para dous asasinatos, “Está a chegar o día de vengar / o asasinato de Amador Rei, de Daniel Niebla / e no que o pobo sexa / o único señor do seu destino”. Daniel e Amador tamén ficaron nas letras de Uxío Novoneyra, a quen lles dirixía: “Erguéstesvos cedo aquel día / o costume do traballo / mañá cediño / para facernos ca vosa morte”. Os dous traballadores de Bazán asasinados o 10 de marzo de 1972 en Ferrol após a dura carga dos grises non só ficaron nas letras de escritores galegos. Foron a chama que prendeu a loita do movemento obreiro galego, que anos antes comezara a se organizar e a padecer unha represión cada vez máis acentuada.

 

O masacre do 10 de marzo encetara días atrás, o 7, cando se asinaba en Madrid o convenio interprovincial para Bazán de Ferrol, Cádiz e Cartagena, un convenio que non representaba os traballadores galegos, que demandaban un propio. O día 8, os empregados de Bazán rexeitan en asemblea o acordo asinado en Madrid e a empresa despide seis representantes de CCOO. Un día após os traballadores mobilízanse contra os despedimentos e a patronal decreta o feche do estaleiro e mais a intervención policial. Ás 17h os grises cargan brutalmente contra os operarios. Era este o caldo de cultivo para o día 10, en que uns 4.000 traballadores saían en manifestación cara a Caranza logo de se concentraren diante de Bazán. A policía franquista sáelles ao paso para disolver a tiros o protesto. O balanzo é o coñecido: dous traballadores mortos, Amador Rei e Daniel Niebla, medio cento de feridos, 160 detidos, 150 despedidos e 45 xulgados. Os disparos que mataron os dous obreiros procedían, segundo testemuños dos feitos, da torre da igrexa do Pilar.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 287, á venda na loxa e nos quiosques habituais]



x