Deliveroo perde o ‘macroxuízo’ contra 532 repartidoras: son traballadoras que tiña como ’falsas autónomas’

Deliveroo perde o ‘macroxuízo’ contra 532 repartidoras: son traballadoras que tiña como ’falsas autónomas’

A Seguridade Social demandou á compañía 1,2 millóns de euros por cotizacións non pagas entre outubro de 2015 e xuño de 2017. A xustiza considera que as ‘riders’ son asalariadas e non autónomas.


O xuízo que dirimía a relación laboral entre a compañía de reparto de comida a domicilio Deliveroo e máis de 500 ‘Riders’ (repartidores e repartidoras) que empregaban esta plataforma deu a razón a estes e estas traballadoras: as e os ‘riders’ non asalariados de Deliveroo, non autónomos e neste tempo operaron como ’falsos autónomos’. Unha resolución dun xulgado do Social de Madrid e que a compañía de reparto non comparte e que vai recorrer.

 Para a xustiza, Deliveroo ten unha relación laboral con estas 532 riders, ás que considera asalariadas polo que a empresa ten que facerse cargo das cotizacións. O xuíz considera que a compañía en todo momento tiña control do traballador ou traballadora. “Os repartidores prestaban os seus servizos dunha forma completamente organizada e rexida pola empresa demandada, incluso nos detalles máis pequenos”, recolle a sentenza.

Deliveroo, unha das principais empresas deste sector de reparto exprés, foi a primeira en desembarcar na Galiza, en setembro de 2017, e fíxoo a través da Coruña. Pouco despois, febreiro de 2018, facíao Glovo, que elixía Vigo para estrearse na Galiza.

Ambas as dúas expandíronse a Compostela nun plan que axiña saltará a outras cidades galegas. Glovo ou Deliveroo son exemplos de economía dixital colaborativa ou, pola contra, son novos modelos de explotación laboral no século XXI con falsos autónomos como man de obra barata?  A xustiza sinala cada vez máis esta segunda resposta.  Unha nova modalidade de falsas autónomas. Unha figura que Suso García, do sindicato nacionalista CIG, cualificou como “un modelo de escravitude adaptado ao século XXI”. Traballadoras por conta allea atadas a unha única empresa, que aforra así salarios e asumir dereitos laborais como as vacacións. Esaxeramos? No Estado hai miles de riders. UXT cífraos en 17.000.