Denuncian no Parlamento o desmantelamento da cociña do CHUO

Denuncian no Parlamento o desmantelamento da cociña do CHUO
Protesta persoal cociña CHUO diante do Parlamento [Imaxe: SG]
Protesta persoal cociña CHUO diante do Parlamento [Imaxe: SG]  

Persoal do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) concéntrase en Compostela e mantén reunións cos grupos parlamentarios diante da redución do cadro de persoal prevista para as novas instalacións.


O persoal da cociña do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) leva varios meses de mobilizacións para denunciar que o Servizo Galego de Saúde quere realizar recortes na cociña da nova instalación na cidade. Unha pequena representación presentouse esta cuarta feira no Parlamento para concentrarse na rúa do Hórreo e para explicarlle a súa problemática aos grupos diferentes políticos.

Andrés Presas, do comité de empresa, explica a Sermos Galiza que están a traballar “nunhas condicións moi precarias na cociña vella” onde “non se cumpre ningunha norma sanitaria”. Explica que a instalación xa tivo varias denuncias de inspección de traballo sen que se fixera nada.

Na actualidade o servizo de cociña do CHUO ten entre 100 e 113 traballadoras e traballadores aínda que debería contar con 126 segundo os orzamentos. A proposta da xerencia do Sergas, segundo o borrador do dossier entregado ao comité, reduciría o persoal a 80.

“A carga de traballo aumentou”, asegura Presas a Sermos Galiza, “e non se nos dá ningunha explicación, nin un plan funcional das razóns polas que queren reducir o persoal”.