IGUALDADE LABORAL

A desigualdade entre mulleres e homes paira sobre a Xunta

A desigualdade entre mulleres e homes paira sobre a Xunta
(M. Arrazola)
(M. Arrazola)  
A Xunta ten que aprobar por lei antes de marzo de 2020 un Plan de Igualdade para todo o seu persoal. En setembro de 2019 convocou os sindicatos e presentou un informe sen ter creada unha comisión que se define días despois. O informe, con eivas, debuxa un panorama difícil para a muller na Administración. Eis un estrato da peza publicada no número 372 do semanario en papel Sermos Galiza 374.

O total do persoal ao servizo da Administración Xeral da Xunta da Galiza durante o ano 2017 foi de 22.445 persoas, das que 14.330 (64%) son mulleres e 8.115 homes (36%). Estas cifras poderían levarnos a pensar que a situación da muller no maior organismo do noso país está normalizada, mais se analizamos polo miúdo vemos que non é así. En setembro, o Goberno galego comunicou ás forzas sindicais a súa vontade de negociar un Plan de Igualdade que leva doce anos de retardo e que debería estar aprobado antes de marzo de 2020.

M_3_Economia«Desde a CIG levamos tempo esixindo a realización do Plan de Igualdade para superar a baixa representación feminina nalgúns colectivos, e para facilitar a conciliación laboral, persoal e familiar», explica Berta Castaño, delegada da CIG para a negociación do Plan. A primeira xuntanza convocada pola Xunta foi o pasado mes de setembro para coñecer un informe de diagnose de situación «sen constituírse a propia comisión que logo dá por feita días despois» na que os sindicatos teñen escasa presenza e poder decisorio.

Os homes acceden a postos de traballo con maiores soldos e a media de ingresos benefíciaos 

Para Zeltia Burgos, secretaria nacional da CIG‑Autonómica, «esta comisión imposta non ten as garantías nin a validez necesarias para a elaboración do Plan de igualdade na Xunta de Galiza». A CIG exixe que esta comisión negociadora se constitúa como un órgano paritario e con equilibrio na representación da parte da Administración e da parte da representación legal das e dos traballadores, consonte á lexislación vixente.

A crítica da central sindical vén pola necesidade do Goberno galego de cumprir co prazo marcado polo Real Decreto‑lei 6/2019, de 1 de marzo, de medidas urxentes para a garantía da igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes no emprego e na ocupación, obrigatorio para as empresas e entidades que teñen máis de 250 traballadoras e traballadores. 

Presenza da muller na Xunta

O informe de diagnóstico de xénero presentado pola Xunta aos sindicatos é un documento que explica con datos xerais a situación do persoal da Administración galega en 2017 en relación ao xénero. En certa medida tamén marca o camiño que pretende  seguir o Goberno galego nesta materia.

Segundo este diagnóstico en 2017 as mulleres representaban 63,84% sobre o total do persoal que traballa na Xunta da Galiza. A maior parte do persoal funcionario, unhas 4.767 persoas (57%), son mulleres.

CIG denuncia as dificultades que ten a muller para conciliar e acceder aos postos de traballo con maior retribución

Unha boa parte do persoal laboral (8.260 persoas que representan 67,79%) tamén son mulleres e teñen maior presenza en Consellarías como Cultura ou Política Social. No mesmo informe explícase que hai categorías como a de bombeira forestal, vixiante, peoa ou condutora cunha presenza moi superior de homes e outras como a de cociñeira ou técnica en xardíns de infancia, nas que a maioría son mulleres.

As mulleres están moi pouco representadas en Facenda (33,3%), Economía (37,5%), Educación (28,5%) ou en Medio Rural (do 25%). Para a CIG, polo tanto, non se estaría cumprindo a lexislación actual en materia de representatividade de xénero.

Fenda salarial

O informe non descobre diferenzas salariais por un mesmo traballo mais  si constata que os homes acceden a postos de traballo con maiores soldos e no computo total a media de ingresos benefíciaos. Nos tres conceptos estudados como son as retribucións, complementos e trienios, os homes perciben de media máis que as mulleres.

A variábel media anual das retribucións do total de persoal presenta unha diferenza de 1.602 euros por sexo. A media das retribucións anuais é de 23.882 euros para os homes e de 22.280 euros para as mulleres.

Se falamos de complementos, a media nas retribucións anuais é de 10.582 euros para os homes e de 8.654,70 euros para as mulleres. A media na variábel de trienios é de 2.671,50 euros para os homes e de 2.154,80 euros para as mulleres.

Tamén hai diferenzas para o persoal funcionario que conta cunha media de retribucións de 28.001 euros para os homes e de 25.888 euros para as mulleres, polo que a diferenza das medias é de 2.113 euros. 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 374 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]