DENUNCIA SINDICAL

Despedida por coller unha baixa a raíz da presión psicolóxica á que estaba sometida por parte da empresa

Despedida por coller unha baixa a raíz da presión psicolóxica á que estaba sometida por parte da empresa

CIG pide a nulidade deste despedimento en Mercadona e lembra que esta traballadora, con 25 anos na empresa, foi das primeiras en tentar montar unha candidatura da central nacionalista nese grupo.


É unha das traballadoras máis veteranas de Mercadona na provincia da Coruña, con 25 anos de antigüidade. De feito foi trasladada no seu día dende Valencia e axudou á posta en marcha de varios supermercados, afirman desde o sindicato CIG. Durante este cuarto de século nunca collera unha baixa até hai uns meses, “cando polas presións constantes ás que estaba sometida por parte da dirección, caeu enferma. E xa se sabe o que pasa nesta empresa cando enfermas, que pasas a formar parte dunha lista negra", afirma Roberto Pérez, da CIG-Servizos. Esta segunda feira, unha concentración perante o Mercadona de Rianxo exixía a readmisión da traballadora.

A carta de despedimento chegoulle poucos meses despois de reincorporarse da baixa médica e ás portas do inicio do proceso de eleccións sindicais, no que, por antigüidade, lle correspondía exercer a presidencia da mesa electoral.  Dáse o caso, informa o sindicato nacionalista, de que esta traballadora foi unha das primeiras que tentou montar unha candidatura da CIG alternativa "ás candidaturas de empresa".

“A empresa tíñalla gardada”

“Este despedimento é unha represalia na que se conxungan  dous factores que máis puntos negativos suman se traballas en Mercadona: enfermar e coller unha baixa e ser unha persoa reivindicativa

Desde aquela “a empresa tenlla gardada”, di Pérez. Cando se soubo que lle tocaba ser a presidenta da mesa electoral, ao pouco, “a traballadora recibiu unha carta de despedimento de 15 folios dicindo que fixera todo mal. Cando menos resultan curiosas estas afirmacións tendo en conta que nos máis de 25 anos que leva na empresa nunca recibira unha queixa polo seu traballo", subliña.

Por iso a CIG-Servizos entende que este despedimento é unha represalia na que se conxungan  dous factores “que máis puntos negativos suman se traballas en Mercadona”: enfermar e coller unha baixa e ser unha persoa reivindicativa.



x