ENQUISA POBOACIÓN ACTIVA

EPA: Galiza lidera aumento do paro e destrución de emprego no Estado no primeiro trimestre

EPA: Galiza lidera aumento do paro e destrución de emprego no Estado no primeiro trimestre

O número de persoas no paro aumentou entre xaneiro e marzo en 5.200 no noso país; no Estado en 11.900. En Galiza destruíronse, neses tres meses, 11.400 empregos.


Galiza lidera os datos negativos que deita a Enquisa de Poboación Activa (EPA) correspondente ao primeiro trimestre de 2016. O noso país achega case a metade das persoas que incrementan o paro neses tres meses. En todo o Estado, o desemprego aumentou en 11.900, 5.200 das cales corresponden a Galiza. O 43,6% do total. Hai 227.900 persoas no desemprego en Galiza.

O paro aumentou no Estado un 0,25%. En Galiza, un 2,3%

Ademais, o noso país destruiu entre xaneiro e febreiro 11.400 empregos. No Estado esa destrución foi de 64.600. O que significa que máis do 17% dos ocupados que neses tres meses se perderon en todo o Estado foron en Galiza, case 2 de cada 10, o que nos converte no terceiro territorio con peores rexistros neste eido entre xaneiro e marzo. Por sectores, a destrución de emprego atinxiu todos os sectores agás o primario. Así, en servizos perdéronse 9.200 persoas ocupadas, na construción, 1.900 e en industria, 1.400.

Desde finais de 2015 a marzo perdemos o 1,1% das persoas ocupadas. No Estado esa perda foi menor, dun 0,36% do total. Porén, se facemos unha comparativa inter-anual (primeiro trimestre 2015 e primeiro trimestre 2016), a cifra de persoas ocupadas en Galiza aumentou nun 3,4% en Galiza, unha suba similar á media española.

Fogares

O número de fogares galegos con todos os seus membros no paro aumentou neste primeiro trimestre case un 7%, e xa son 80.200, o que supón 5.200 máis que a finais de 2015.