Esixen á Xunta que se implique no conflito laboral de Povisa

Esixen á Xunta que se implique no conflito laboral de Povisa
comité de Povisa
comité de Povisa  

O comité de empresa de Povisa esixe a retirada do ERE e a recolocación das 56 persoas do cadro de persoal afectadas. Cun acto de protesta esta terza feira  10.00 horas diante do edificio da Xunta en Vigo reclamarán a implicación do goberno galego no conflito. 


A implicación da Xunta no conflito laboral de Povisa é o que esixirán na mañá desta terza feira no acto de protesta que o comité de empresa ten convocado diante dos edificios administrativos. Queren que a Xunta impida a subcontratación de servizos por parte dun hospital -non recoñecidos no concerto co Sergas-ao que esixen a retirada do ERE extintivo e a recolocación das 56 persoas do cadro de persoal afectadas. 

A presidenta do comité de Povisa, María Xesús Neira, da CIG, lembrou o rexeitamento do cadro de persoal ao ERE proposto pola dirección cando o hospital “obtivo 11 millóns de euros de beneficios en 2013 e volveu gañar cartos en 2014, aínda que menos” mentres o despedimento das 56 persoas permitiría aforrar só un millón de euros. 

A proposta do comité recolle a retirada do ERE e a recolocación das persoas afectadas segundo a súa formación ademais de reubicalas nos postos ocupados por eventuais. 

O comité anunciou tamén unha convocatoria de mobilizacións que, alén da desta terza ás 10.00 horas contempla unha concentración todas as quintas feiras diante do hospital de 16.00 a 17.00 horas, á fin da asemblea do cadro de persoal.