O Estado español estuda aumentar os valores de sílice admitidos nas empresas

O Estado español estuda aumentar os valores de sílice admitidos nas empresas
[Imaxe: Cedida] Canteira de granito no Porriño
[Imaxe: Cedida] Canteira de granito no Porriño  

CCOO denuncia “desprotección para a saúde” por “antepor os beneficios empresariais”


A regulación sanitaria en empresas que traballen con sílice, caso do sector da lousa ou do granito con forte presenza na Galiza, podería variar. CCOO vén de denunciar que o proxecto de Real Decreto presentado a pasada terza feira 1 de outubro  pola Comisión Nacional de Seguridade e Saúde (CNSS) no Traballo, duplica os valores límites vixentes de exposición ao sílice cristalino e o bromoetileno, amais de triplicar o da acrilamida.

Desde CCOO exixen a revisión destes valores antes da súa aprobación polo Consello de Ministros. Roi Fernández, secretario de saúde laboral de CCOO, explica que “non se pode antepor a competitividade e os beneficios empresariais á saúde da poboación traballadora”.

Retroceso na protección

O valor límite do po respirábel de sílice que pasa a ser clasificado como canceríxena con esta Directiva foi aprobado en 2013. Daquela deuse un período de dous anos para a súa entrada en vigor, co fin de que as empresas puidesen adaptar os seus equipos e organización de traballo aos novos valores.

A acrilamida como o bromoetileno xa aparecían clasificados como canceríxenos ou mutáxenos e cos valores límites actuais no ano 2000. "A proposta supón un retroceso de dúas décadas no nivel de protección fronte a estas substancias", reproba Fernández.

O Real decreto responde á obriga do Goberno do Estado de mudar antes de xaneiro de 2020 a Directiva europea 2017/2398, que á súa vez modifica a Directiva de axentes canceríxenos e mutáxenos. A nova norma fixa o “nivel de protección mínima que os Estados membros poden mellorar·, apunta Roi Fernández.