“O éxito de Inditex está baseado na precariedade laboral, non só en países subdesenvolvidos, tamén aquí”

“O éxito de Inditex está baseado na precariedade laboral, non só en países subdesenvolvidos, tamén aquí”
Inditex
Inditex  

CIG-Servizos, maioritario nesta empresa nas catro provincias galegas, anuncia unha campaña de denuncia das condicións laborais.


CIG-Servizos vai desenvolver unha campaña de denuncia das condicións laborais das traballadoras de Inditex. A primeira acción desenvolveuse esta sexta feira, co reparto, en centros comerciais e tendas de todas as cadeas, dun folleto informativo no que se dá conta dos abusos que sofre o persoal nunha xornada como a do Venres Negro. A seguinte está prevista en Arteixo, o vindeiro día 5 de decembro, onde se concentrarán diante das instalacións da multinacional.

O sindicato denuncia o exceso de carga de traballo , unha situación que provoca, explicou a secretaria nacional da federación, Transi Fernández , que “en todas as cadeas as compañeiras estean absolutamente esgotadas, que teñamos os almacéns ateigados de roupa para vender, que teñamos que colocala nas tendas cando veñen os camións…” Unha sobrecarga que, ao seu entender, só se soluciona contratando máis persoal.

A solución que atopou Inditex para non aumentar os cadros de persoal foi a de instalar caixas de autocobro que se publicitan como caixas de cobro rápido e que son, "en realidade", caixas nas que a clientela ten que facer todo o traballo: autodesalarmar, autodobrar, autoembolsar e autocobrar. “Só falta que un día lles dean as clientas unha agulla e fío para que se autoconfeccionen a súa propia prenda”, ironizou Carmiña Naveiro, secretaria de Organización da CIG-Servizos e traballadora de Zara.

A central tamén critica a falla de compromiso en políticas de conciliación. A este respecto Naveiro explicou que a CIG  "vese obrigada" a interpoñer demandas no xulgado porque hai traballadoras ás que se lle denega o dereito á concreción horaria para poder facerse cargo dos seus fillos. “Aprovéitanse mesmo de que as traballadoras reducen horarios, perdendo cartos, para poñela a cubrir os ocos que quedan nas tendas. Non se pode permitir”.



x