Extel desconta do salario dunha vítima de violencia machista as horas médicas

Extel desconta do salario dunha vítima de violencia machista as horas médicas
[Imaxe de arquivo / CIG]
[Imaxe de arquivo / CIG]  

A teleoperadora deduciulle 47,16 euros da nómina de setembro que atribúe ao tempo de terapia psicolóxica que recibe do Sergas. Desde a CIG denuncian a "vitimización secundaria" que supón para a operaria e exixe o cesamento desta actitude empresarial ao tempo que unha indemnización por prexuízos morais. 


A empresa teleoperadora Extel descontou da nómina dunha taballadora da Coruña, correspondente ao mes de setembro, 47, 16 euros. A xustificación fornecida pola entidade, cando a operaria exixiu explicacións pola dedución, foi atribuíla ás "ausencias por horas médicas desfrutadas os días 13 de febreiro", segundo recolle a denuncia presentada través da CIG e á que tivo acceso Sermos Galiza. 

"O 13 de febreiro é unha consulta por cuestións derivadas de violencia de xénero e entreguei o xustificante que así o indica, polo que non computa como horas médicas", explicou a operaria através de correo electrónico dirixida á responsábel da emprea. 

A traballadora atópase en situación de violencia machista e fai parte do programa de atención psicolóxica fornecido polo Sergas ao que ten que acudir periodicamente. "Cando a actora tiña que acudir a consulta a empresa demandada até agora viña recoñecendo tal circunstancia, non efectuando –en tanto que vítima de violencia de xénero- desconto algún polas horas ausente nos haberes que a actora viña percibindo", sinalan na demanda. 

A traballadora ausentouse do seu posto de traballo para recibir atención psicolóxica no Sergas

Vitimización secundaria

Desde a central sindical sinalan que a actitude de Extel "supón unha vulneración do Dereito á Integridade Física e Moral da traballadora –art. 15 CE- e unha sorte de “vitimización secundaria” da mesma, por canto que a empresa demandada penaliza económicamente a asistencia da actora a sesións médicas ás que debe acudir ante o cadro de violencia de xénero padecida, véndose a traballadora na obriga de acudir á tutela dos nosos tribunais para reclamar que a demandada cumpra o disposto nas normas que rexen nesta materia e lle aboe os 47,16 euros descontados". 

De acordo coa lexislación vixente, no concreto a Lei Orgánica 1/2004 de 28 de Decembro de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero sinala que "os poderes públicos non poden ser alleos á violencia de xénero, que constitúe un dos ataques máis flagrantes a Dereitos Fundamentais como a libverdade, a igualdade, a vida, a seguridade e a non discriminación proclamados na Constirución”, sinalando a “obriga de adoptar medidas de acción positiva para facer reais e efectivos ditos dereitos (...) atendendo ás recomendacións dos organismos internacionais no sentido de proporcionar unha resposta global á violencia que se exerce sobre as mulleres”. 

A Lei de medidas de protección integral contra a violencia de xénero sinala explicitamente que as ausencias ou retrasos laborais por esta situación "consideraranse xustificadas"

Neste senso, continúa a norma na súa exposición de motivos "no ámbito sanitario contémplanse actuacións de apoio asistencial ás vítimas" así como, "medidas de protección no ámbito social" que implicarán "especialmente atención psicolóxica". Aliás, recolle que "as ausencias ou faltas de puntualidade ao traballo motivadas pola situación física ou psicolóxica derivada da violencia de xénero consideraranse xustificada, cando así o determinen os servizos sociais de atención ou servizos de saúde". 

Perante esta realidade desde a CIG exixen a retribución dos 47,16 euros para alén dunha indemnización polos prexuízos morais ocasionados á traballadora no marco dunha conduta empresarial que constitúe unha "vitimización secundaria". 

Porén, desde a central sindical nacionalista lembran que "non é a primeira vez que Extel atenta contra os dereitos desta traballadora, pois en recentes datas a empresa foi condenada xudicialmente por vulnerar os seus dereitos fundamentais".