“Por favor, pague nas caixas de sempre, non nas de autocobro”, a petición do persoal das tendas de Inditex

“Por favor, pague nas caixas de sempre, non nas de autocobro”, a petición do persoal das tendas de Inditex

Inditex aposta en estender nas súas tendas galegas as máquinas de autocobro, co que a multinacional aforra cartos a costa de evitar a contratación do persoal necesario, co conseguinte deterioro das condicións laborais. Unha campaña da CIG denuncia esta situación e chama a mobilizarse.


Nas tendas de Zara e Lefties do Centro Comercial Marineda, na Coruña, Inditex implantou 14 caixas de autocobro. Caixas onde “a multinacional utiliza as clientas para que fagan as funcións das traballadoras autocobrándose e autoembolsándose e mesmo desalarmando as prendas co único obxectivo de aforrar cartos na contratación de persoal”, explica Carmiña Naveiro, representante da CIG no comité de empresa de Zara España S.A.

É vergoñento que unha empresa que obtén miles de millóns en beneficios utilice as máquinas para suplantar ás traballadoras antepoñendo os seus intereses económicos á saúde e seguridade do persoal”

Así, Inditex afórrase ter que contratar máis persoal e iso ten consecuencias: engordará a conta de beneficios mais tamén, engade Naveiro, impide “frear o deterioro das condicións laborais”. “É vergoñento que unha empresa que obtén miles de millóns en beneficios utilice as máquinas para suplantar as traballadoras antepoñendo os seus intereses económicos á saúde e seguridade do persoal”.

Por iso, informan desde a CIG, o persoal pide á clientela que faga o seu pagamento nas caixas de sempre, onde atenden caixeiras e que “pense primeiro nos postos de traballo que se perden a conta da nosa precariedade e da perda de postos de traballo no futuro”.

Saúde e seguridade laboral

Nesta mesma liña, a central nacionalista lembra que leva varios anos demandando que Inditex incremente o persoal indefinido nas tendas Lefties, porque o que hai actualmente é insuficiente. “Tal é así que nos sucesivos estudos psicosociais realizados entre as traballadoras, os resultados constatan que cada vez a situación é peor”. Este exceso de carga de traballo “tanto física como psíquica repercute na saúde e na seguridade de todo o persoal”.

Carmiña Naveiro lembra que, a instancias da central sindical, a finais do ano pasado repartíronse nas tendas Lefties da provincia da Coruña as enquisas para detectar os riscos psicosociais nas tendas. “O último estudo descubriu que a situación non só seguía igual, senón que mesmo o risco era moito máis elevado”, explica.

O sindicato inicia mobilizacións, logo de ter desenvolvido nos meses previos ao verán unha campaña informativa e de sensibilización. A primeira terá lugar a quinta feira 27 de setembro, ás 12:00 horas, na entrada principal do Centro Comercial As Cancelas, en Santiago de Compostela.