Feche do persoal de ambulancias por un convenio digno

Feche do persoal de ambulancias por un convenio digno

No marco da greve dos traballadores e traballadoras do sector


O persoal de ambulanicas mantén a loita por un convenio digno. Esta quinta, traballadores e traballadoras pecháronse de maneira simultánea nas xerencias dos hospitais da Coruña, Compostela, Vigo, Pontevedra, Ferrol e Lugo e nas dependencias da Consellaría de Sanidade de Ourense para esixir avances reais na negociación do convenio colectivo. Unha mobilización que se leva a cabo no marco da terceira quenda da folga convocada neste sector, no que traballan por volta de 1.500 persoas. A partir do día 20, a greve será indefinida.


Como teñen denunciado os sindicatos unha e outra vez, a orixe do conflito foi un concurso dotado á baixa pola propia consellaría de Sanidade, no que se levaron a concesión empresas-fondos de investimento, como Ambuibérica, que presentaron propostas aínda máis á baixa que inviabilizaban manter o servizo e pagar ao persoal.


Desde aquela sucedéronse os intentos de descolgue do convenio, de rebaixas salariais, un progresivo deterioro tanto das condicións laborais como dos propios vehículos, ademais de incumprimentos dos compromisos recollidos nas plicas do concurso. Isto, xunto coa reiterada negativa a negociar un novo convenio que deixou os salarios do persoal conxelados desde o ano 2015.

As negociacións entre patronal e sindicatos rexistraron pequenos avanzos que as centrais entenden insuficientes, de aí quer manteñan a greve.



x