PAULO CARRIL

"Feixoo abandonou o pobo galego á súa sorte"

"Feixoo abandonou o pobo galego á súa sorte"
[Imaxe: cedida] Paulo Carril, secretario xeral da CIG
[Imaxe: cedida] Paulo Carril, secretario xeral da CIG  
Entrevistamos Paulo Carril, secretario xeral da Confederación Intersindical Galega (CIG), nun momento complicado a nivel laboral. Peche de empresas e destrución de emprego nas zonas máis industrializadas da Galiza están a marcar a axenda da reivindicación. Con este panorama a central sindical celebra o 25º aniversario da súa creación sendo a primeira forza en numero de afiliadas desde 2018, e desde este ano tamén en representantes en todo o país. Eis un estrato da entrevista publicada no número 369 do semanario en papel Sermos Galiza

A CIG sitúase por primeira vez como forza sindical do país con máis representantes. Como explica este salto cualitativo?

Confirma todo un proceso histórico de moitos anos, dun modelo sindical construído desde a base cun forte contido reivindicativo, comprometido e firme en defensa dos intereses da clase traballadora galega. Este resultado reafirma esa aposta dun sindicalismo nacionalista que fai 25 anos, como CIG este ano. Mais tamén é a expresión dun sindicalismo que comeza nos conflitos do ano 72 en Ferrol e en Vigo.

É a confirmación dese sindicalismo combativo e comprometido na firmeza de ter na reivindicación e na organización, no atrevemento, na proposta sindical, o recoñecemento por parte da clase traballadora.

O resultado sindical da CIG significa unha demostración da necesidade de auto‑organización do pobo galego en todos os ámbitos, neste caso no sindical, así como tamén no político é necesario para facer avanzar os dereitos nacionais.

As vindeiras eleccións xerais son unha oportunidade, ao tempo que unha necesidade, que temos para que se recupere e retorne a voz da Galiza no Congreso a través do nacionalismo galego para avanzar nos obxectivos das nosas reivindicacións.

mini-pauloCarril

Tamén terán que ver algunhas vitorias sindicais...

É o acerto da combinación da mellor tradición de loita e de mobilización combinada coa nosa capacidade de resistencia, mais tamén coa capacidade de facer propostas coas que afrontar os diferentes momentos que vive a clase traballadora, que está neste intre á defensiva diante dun proceso brutal froito das reformas laborais. Leva consigo conquistas na negociación colectiva, na defensa do emprego e na mobilización para a conquista de dereitos sociais.

A nivel laboral semella que estamos nunha crise continua con numerosas e importantes frontes abertas. Por que falan desde a CIG de emerxencia nacional?

Estamos coa crise económica do ano 2008 da que aínda non se saíu. Hai un empobrecemento  xeneralizado, unha caída do poder adquisitivo e un incremento do desemprego importante, e polo tanto nunha situación social moi dura que ao mesmo tempo está agora no cabalo de chegada dunha nova recesión económica. Todo nun momento de crise industrial na Galiza. 

Nós falamos de que aquí na Galiza estamos nunha situación de “emerxencia nacional e social”. Estamos máis pobres e máis explotados a raíz e como consecuencia da crise económica e da reforma laboral, mais ao mesmo tempo estamos con fenómenos tan graves como o da crise industrial, de norte a sur, sumado á crise demográfica coa incesante emigración. Por este motivo, levamos máis dun ano mobilizándonos na defensa da industria galega, facendo propostas en diferentes ámbitos, como por exemplo, cando fomos a primeira forza sindical e a primeira entidade en facer unha proposta para a industria electrointensiva, unha cuestión que aínda non está resolta esa regulación por parte do Estado.

Alcoa, Ferroatlántica, as térmicas, Barreras ou Povisa... e os datos propios de diminución acumulada de baixada nos índices do tecido industrial fan que teñamos necesidade de defendermos a nosa industria para traermos futuro. A industria galega, xa de por si nun país colonizado, está a ser vítima dun desmantelamento xerado por unhas políticas do Estado de non ver máis alá de observar Galiza como un lugar onde centrar o espolio dos nosos recursos para a creación de emprego fóra do país, cun grande dano ambiental e un grande dano social, ou unha Lei empresarial que no seu momento o PP aprobou e que nos está a levar a este fracaso absoluto.

A situación que temos hoxe na industria galega chama a esta mobilización para facer fronte a esta emerxencia nacional e social.  

Que opina a CIG do modelo que propón o Goberno da Xunta en materia económica e laboral?

O Goberno do PP é un exemplo de Goberno entregado. Entende que Galiza pode ter actividade económica, mais vinculada a sectores que non xeran crecemento económico nin crean emprego. Como exemplo, o Camiño de Santiago e o turismo ao bruto. Coa Lei de fomento empresarial pretende un modelo de industrialización de corte colonial que favoreza a entrada de fondos de investimento que fían todo a competir en baixos salarios. Non podemos trazar o noso futuro ao que o Estado español, cada vez máis dependente de Europa, poida destinar para Galiza. Feixóo representa unha ruína para nós, abandonou o pobo galego á súa sorte.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 369 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]