Ferrol manifestarase o 29 de outubro en apoio a Pintos

Ferrol manifestarase o 29 de outubro en apoio a Pintos
Presentación da manifestación de apoio a Pintos [Imaxe: CIG]
Presentación da manifestación de apoio a Pintos [Imaxe: CIG]  

A marcha, convocada por CIG, CCOO, UXT e CXT, xa recibiu o apoio de organizacións sociais, culturais e políticas e duns 35 comités de empresa.


A solidariedade co ex secretario comarcal da CIG en Ferrol, Xesús Anxo López Pintos. segue a medrar. Esta sexta feira CIG, CCOO, UXT e CXT convocaron unha manifestación co lema 'Contra a represión sindical. Xustiza para Pintos!' para pedir a súa absolución e rexeitar a persecución da mobilización social.

A marcha, que xa recibiu o apoio de organizacións sociais, culturais e políticas e duns 35 comités de empresa, terá lugar o 29 de outubro e sairá ás 20 horas de diante do edificio da Xunta e rematará no Cantón.

Loita polos dereitos e liberdades fundamentais

Os responsábeis sindicais que participaron na presentación da iniciativa, que fai parte da campaña iniciada pola CIG en contra da represión sindical, subliñaron a importancia de manter a unidade na loita pola defensa dos dereitos e das liberdades fundamentais. Reclamaron a derrogación inmediata da chamada Lei Mordaza e do artigo 315.3 do Código Penal para frear a vaga represiva que se intensificou nos últimos anos de xeito paralelo á imposición das políticas de recortes.

Consideran que o proceso contra Pintos supón un ataque descarado contra o sindicalismo e a mobilización social como ferramenta básica da clase obreira para a defensa dos seus dereitos e a mellora das condicións de vida. Denuncian que non é un caso illado e que hai máis traballadoras e traballadores na Galiza que están a ser perseguidos por defender os seus dereitos e liberdades.

Apoio de corporacións locais e comités

A convocatoria de manifestación xa recibiu o apoio de entidades sociais e culturais da comarca, de partidos políticos e dos alcaldes e alcaldesas dos concellos da ría. Recolléronse uns 35 pronunciamentos solidarios de comités de empresa e seguen a chegar adhesións a diario.

Do mesmo xeito, promovéronse declaracións institucionais nos concellos chamando a participar na manifestación, pedindo a absolución de Pintos e manifestando o compromiso, no caso de ser necesario, de acudir a todas as instancias nacionais e internacionais precisas para evitar que teña que ingresar na cadea.

Para os días 12, 13 e 14 de novembro, en que se celebrará o xuízo, realizaranse concentracións diante das dependencias da Audiencia Provincial entre as 09:30 horas ás 11 horas.