DESPOIS DE 101 DÍAS

Finaliza a folga no transporte de Sogama coa readmisión dos despedidos e a sinatura dun novo convenio colectivo

Finaliza a folga no transporte de Sogama coa readmisión dos despedidos e a sinatura dun novo convenio colectivo

Os traballadores e traballadoras aprobaron por unanimidade o acordo que pon fin á folga indefinida tras 101 días.


O pasado 3 de abril a subcontrata do transporte de residuos sólidos urbanos de Sogama, Transportes Pacholo, despedía 8 traballadores en represalia por pedir melloras básicas para o colectivo de persoal non subrogado e que tiña peores condicións laborais. Traballadores e traballadoras aprobaban en asemblea e por unanimidade a convocatoria dunha folga con carácter indefinido até conseguir a readmisión dos compañeiros despedidos. O 15 de abril arrancaba a folga e desde comezo "tivemos en conta que sería un conflito duro porque non ía ser doado reverter unha medida tan drástica", valora o secretario comarcal da FGAMT-CIG, Inácio Pavón.

Agora, despois de 101 días de folga, logrouse un acordo que garante a readmisión dos despedidos e a sinatura dun novo convenio colectivo que contén “importantes melloras en salario e xornada, en particular para os traballadores e traballadoras contratados posteriormente á subrogación”.

O transporte dos contedores de residuos sólidos urbanos desde as plantas de transferencia distribuídas por todo o país até Sogama e o Vertedoiro de Areosa é un servizo privatizado que depende da propia Sogama e da Consellaría de Medio Ambiente.

Marchas a pé, feches ou unha manifestación o 12 de maio polas rúas de Ordes permitiron manter a presión na administración e en Sogama. O presidente do comité salienta que toda esta actividade mobilizadora durante a folga "só foi posíbel pola resposta dos traballadores desde o primeiro día e pola unidade demostrada".