CONVOCAN CIG E COMISIÓNS A PARTIR DO 10 DE ABRIL

Folga indefinida na limpeza de hospitais do Sergas

Folga indefinida na limpeza de hospitais do Sergas
Protesta do persoal de limpeza do Hospital de Ourense o pasado ano. Foto: CIG.
Protesta do persoal de limpeza do Hospital de Ourense o pasado ano. Foto: CIG.  

O 10 de abril comezará unha nova batalla no Servizo Galego de Saúde. As traballadoras de limpeza dos hsopitais están chamadas por CIG e Comisións Obreiras á folga indefinida en defensa dos seus salarios. En concreto, en defensa dos acordos de equiparación salarial asinados en 2008, 2009 e 2018.
 


O pacto recoñecía a igualación salarial do persoal dos servizos de limpeza dos hospitais do Sergas. Pero as concesionarias Clece, Grupo Norte, Grupo Faro e Ilunion néganse, segundo explica a CIG, “a aboar o plus de equiparación salarial e responsabilizan o Sergas de permitir o incumprimento dos acordos”.

convocantes folga limpeza

A secretaria nacional de CIG Servizos, Transi Fernández, lembra como as traballadoras e traballadores “conseguiron que o acordo de 2007 se recollese, ao ano seguinte, en convenio colectivo”. Ese equiparación non é un concepto abstracto: incrementa o salario a final de mes. Cobrárono a partir de 2008, coa excepción de 2009 “en que algunhas empresas intentaron non pagar e tiveron que facelo despois de haber mobilizacións”.

A ratificación do plus firmouse de novo o pasado novembro. Todas as empresas o fixeron. Segundo ese documento, as concesionarias tiñan até o 31 de marzo de 2019 para facer efectivo o pago de carreira equivalente á equiparación”. Mais o día 26, as catro empresas comunicaron a súa intención de non pagar. CIG e Comisións decidiron chamar á folga indefinida.

Non todas as compañías se descolgaron unilateralmente do acordo. Si cumpriron Acciona, Lacera, Ferrovial e Samil. As non pagadoras, pola súa banda, esixiron “un curso de especialización” para pagar o plus. Isto indigna os sindicatos. “Entendemos que rompe o acordo formalizado no Consello Galego de Relacións Laborais. Non cómpre formación ningunha porque teñen anos de experiencia abondo”, afirman.

O 9 de abril haberá, tamén no Consello Galego de Relacións Laborais, unha mediación entre as partes. Mais a representación das traballadoras dáa por inútil. “Non vai haber debate. Xa o houbo o 15 de outubro e o 8 de novembro, cando todos chegamos a un acordo”, argumenta Ricardo Santos, de Comisións Obreiras, “mesmo as empresas que agora o cuestionan. Houbo mala fe no ámbito da negociación e non queda máis camiño que afrontalo desta maneira, con todas as consecuencias”.

UGT non se suma á convocatoria de folga porque asegura que os seus afiliados “entregaron solicitudes e fixeron cursos”, engadiu Transi Fernández, antes de comentar que os convocantes están a agardar que o Sergas os chame a se reunir para negociar os servizos mínimos.

Nota: imaxe das convocantes da folga indefinida na limpeza dos hospitais do Sergas.



x