Folga e mobilización de persoal das subcontratas de R contra a deslocalización

Folga e mobilización de persoal das subcontratas de R contra a deslocalización

O comité de Comfica convoca tres días de folga polos despedimentos derivados do traslado de servizos


A compra de R por Euskaltel en 2015 deu o inicio á conta atrás para un proceso de deslocalización de emprego que afecta principalmente ao servizo de mantemento, que na súa maioría está subcontratado, e pon en risco o futuro de máis de 500 traballadores e traballadoras. Ducias de persoas concentráronse na Coruña contra esta medida e na defensa dos postos de traballo.

A consecuencia máis inmediata da deslocalización de servizos é o despedimento de 20 traballadores e traballadoras de Comfica que até agora prestaban servizos para R na provincia da Coruña e a quen a contrata se nega a recolocar, denuncian desde a CIG. Miguel Gago, delegado deste sindicato, anunciou a convocatoria de folga nesta empresa para os días 24, 30 e 31 de xullo "coa finalidade de conseguir a paralización dos despedimentos".

Así mesmo, a central nacionalista, ao igual que fixo o comité, vén de solicitar reunións co conselleiro de Industria e coa alcaldesa da Coruña para abordar o traslado de servizos iniciado por R e as consecuencias que isto ten. Tamén remitiu escrito á dirección de R Cable e Telecomunicacións pedindo reunión urxente na que tratar a política de deslocalización de servizos fóra de Galiza.   

Recentemente, Euskaltel acordou entregar á chinesa ZTE os servizos de mantemento da rede que en Galiza até agora prestaban compañías como Comfica, Colabora ou Eulen. A diferenza doutros cambios anteriores, desta volta o persoal non será subrogado á nova adxudicataria nin se producirán contratacións aquí, xa que estes servizos van ser deslocalizados ao centro de traballo que ZTE acaba de abrir en Asturias.