DENUNCIAN INCUMPRIMENTO DO CONVENIO

A folga en Renfe acada o 70% de seguimento cuns servizos mínimos que cualifican de “abusivos”

A folga en Renfe acada o 70% de seguimento cuns servizos mínimos que cualifican de “abusivos”
Estación de tren de Santiago [Imaxe: Alberte Mera]
Estación de tren de Santiago [Imaxe: Alberte Mera]  

Cifran en máis dun 70% o seguimento da folga en Renfe convocada por Comisións Obreiras para esta segunda feira 15 de xullo co obxectivo de denunciar os incumprimentos da empresa sobre o convenio. Segundo informa a sección ferroviaria de CCOO na Galiza, o paro foi secundado de maneira maioritaria polo persoal “con posibilidade de facer folga”, e denuncian o estabelecemento duns servizos mínimos “abusivos”.


En torno ao 70% “do persoal con posibilidade de facer folga” secundou os paros convocados esta segunda feira 15 de xullo en Renfe, segundo informa nun comunicado a sección ferroviaria de Comisións Obreiras na Galiza.

O paro obrigou á suspensión de máis de 60 traxectos con orixe ou destino na Galiza, dos cales 33 corresponden a comboios de Media Distancia. 320 é o total de transportes afectados nesta xornada no Estado.

En canto os servizos mínimos estabelecidos por Renfe e o goberno central, desde o sindicato cualifícanos de “abusivos”, xa que “impediron a adhesión á convocatoria de todas as traballadoras e traballadores que o desexaban”.

En canto os servizos mínimos estabelecidos por Renfe e o goberno central, desde o sindicato cualifícanos de “abusivos”

Nese sentido, desde CCOO critican que o goberno autorizase a Renfe a fixar en todo o Estado uns servizos mínimos de entre o 50% e o 75% nas circulacións de proximidade, do 65 % en media distancia, do 72% en AVE e longa distancia e do 25% no transporte de mercadorías. O sindicato lembra que “xa na última folga a Audiencia Nacional acabou anulando, meses despois, os desproporcionados servizos mínimos”.

Coa folga de hoxe, quíxose denunciar o incumprimento por parte de Renfe do convenio colectivo. O sindicato esixe o crecemento real do emprego, unha distribución da xornada anual que realmente axude na conciliación da vida laboral e persoal, así como a consolidación dos incrementos salariais ligados ao aumento da produtividade.

O sindicato esixe o crecemento real do emprego e unha distribución da xornada anual que realmente axude na conciliación da vida laboral e persoal

Desde este sindicato estatal valoran a convocatoria de folga de “éxito de seguimento”, e “non descartan estender as mobilizacións durante o verán se a dirección de Renfe non atende as demandas sindicais”.