Galiza, aumenta o paro e cae a ocupación

Galiza, aumenta o paro e cae a ocupación

A EPA sinala un incremento do número de persoas desempregadas (11.900), un dos territorios onde a suba é maior. Aliás, descende a ocupación que volve situarse por baixo do millón de persoas.


Esta quinta feira (23 de abril) fíxose pública a Enquisa de Poboación Activa (EPA) correspondente ao primeiro trimestre de 2015. Segundo os dados do estudo, Galiza sitúase entre os territorios onde máis se incrementou. 

Neste senso, Galiza conta con 11.900 persoas máis no desemprego que no último trimestre de 2014. A taxa de paro é do 21,83% e en cifras absolutas atinxe a 275,7 mil persoas. 

A taxa de ocupación sitúase no 41.8%. Menos dun millón de persoas

Aliás, nos primeiros meses do ano continuaron a se destruír postos de traballo caendo a ocupación por baixo do millón de persoas (987,5 mil persoas). A taxa de ocupación sitúase no 41,8%. A queda prodúcese en ambos os dous sexos, porén, é maior a súa incidencia entre as mulleres. Neste senso, o número de homes ocupados cae en 3.400 persoas mentres que entre as mulleres pérdense 9.500 ocupadas.

En termos interanuais a ocupación aumentou en 4.700 persoas o que supón o 0,5%. 

En troca, no conxunto do Estado español o número de persoas desempregadas descendeu tendo atopado emprego nos últimos meses 504.200 persoas. Porcentualmente o paro sitúase no promedio español no 23,75%, 2,15 puntos menos que no último ano, segundo a EPA. 

No primeiro trimestre de 2015 hai 19.400 contratos temporais máis que no mesmo período de 2014

Por sectores, a EPA reflicte un incremento no número de [email protected] correspondente ao sector da construción (4,6%), mentres que caen na agricultura e pesca (-0,3%), a industria (-1,5%) e nomeadamente o sector servizos (-1,9%). 

Aumenta a temporalidade

En relación coa modalidade contractual na Galiza continúan a ser maioritarios os contratos indefinidos que atinxen 591,5 mil persoas dun total de 774 mil asalariadas.

Porén, en relación cos primeiros meses de 2014 o número de contratos indefinidos descendeu o 1,6% (9.400 menos). Pola contra, o número de contratos temporais (182,5 mil, na actualidade) aumentaron case o 12%, é dicir, 19.400 persoas. 

6.500 novos fogares sen ocupación

No primeiro trimestre de 2015 aumentaron as vivendas nas que ningunha persoa activa ten ocupación atinxindo 94.900 fogares en todo o país. 

A Enquisa de Poboación Activa fotografía a realidade económica dos máis dun millón de fogares galegos. No primeiro trimestre de 2015 aumentaron o número de familias que teñen todos os seus integrantes activos no desemprego. Isto é, 6.500 novos fogares non obteñen renda do traballo dos seus membros. Unha realidade que se reproduce en 94.900 casos. 

Porén, esta cifra reduciuse a respeito do mesmo período de 2014 representando o 6,5% menos que a comezos do pasado ano. No noso país hai 517,8 fogares nos que todas as persoas activas teñen traballo fronte ás 747,5 familias nas que polo menos hai un activo ocupado. 

A cifra que continúa a se incrementar de maneira constante é a de fogares nos que todas as persoas que moran son inactivas --nomeadamente xubilados-- que ascende a 332,5. Trátase de 2 mil 200 máis que o trimestre pasado e 7.900 máis que no mesmo período de 2014.