DATOS INTER-ANUAIS

Na Galiza o número de persoas afiliadas á Seguridade Social aumenta menos que en España

Na Galiza o número de persoas afiliadas á Seguridade Social aumenta menos que en España
Oficina de emprego en Compostela.
Oficina de emprego en Compostela.  Foto: Natalia Porca

No Estado español o número de cotizantes incrementou 3,06 por cento no ano comprendido entre decembro de 2017 e o mesmo mes de 2018. Na Galiza, o 2,1 por cento. En troca, os datos galegos son mellores que os españois no que atinxe ao número de persoas rexistadas no desemprego.


Decembro de 2018 volve deitar o paradoxo de que na Galiza diminúe o número de persoas rexistadas no desemprego (1.074 menos en termos inter-mensais) e, á vez, baixa tamén a cifra de cotizantes da Seguridade Social (3.764 menos, tamén na comparación mensal). A explicación, afirman desde a CIG, pode radicar no fenómeno da emigración e en que hai persoas que directamente xa non se anotan, por non ter confianza na súa utilidade, no servizo público de emprego.

As cifras de decembro a respecto de decembro sucintamente son estas: desce o paro rexistrado en Galiza 0,63 por cento, menos do que o fai no estado (1,55). En troca, a evolución galega é mellor que a española se imos ao cotexo inter-anual: queda galega de 8,5 por cento fronte a unha estatal de 6,17.

Porén, o indicador máis fiábel sobre a realidade do mercado de traballo é o número de afiliacións da Seguridade Social e o comportamento galego é peor que o español, quer o midamos en termos inter-anuais (incremento español 3,06 por cento, galego 2,1) quer en termos inter-mensais (aumento español 0,4 por cento, descenso galego 0,37 por cento).

Na Galiza hai neste momento 1.006.107 persoas afiliadas á Seguridade Social. 

Alén do máis, a CIG denuncia a extrema precariedade á que se ve abocada a forza de traballo na Galiza. Tanta que en decembro se asinaron un total de 72.251 contratos e, por contraste, só 1.074 persoas abandonaron o desemprego. “2018 foi un ano perdido para a recuperación do emprego de calidade”, declarou ao respeito Fran Cartelle, secretario confederal de Emprego e Industria da central nacionalista.



x