Galiza está entre os territorios europeos con máis paro de longa duración

Galiza está entre os territorios europeos con máis paro de longa duración

Os niveis de persoas que levan no desemprego máis dun ano sen atopar traballo sitúanse á altura de Bulgaria, Romanía, Grecia ou o sur de Italia. Temos seis puntos máis de persoas en paro de longa duración que a media española (44,5%) e que a Unión Europa (45%). 


Galiza é un dos tres territorios da Península Ibérica con maior porcentaxe de persoas paradas de longa duración, é dicir, persoas que levan máis dun ano sen atopar traballo. Un de cada dous galegos e galegas rexistradas no desemprego está nesa situación, o 50% do total de persoas no paro no noso país. Só Asturies (50,2%) e a rexión norte de Portugal (55%) presentan peores rexistros que Galiza.

Son dados incluídos no último anuario rexional que elabora Eurostat (Oficina de estatística da Unión Europea), correspondente a 2018. Nese mapa europeo Galiza aparece tinxida de laranxa, a cor coa que se designan aquelas rexións onde o paro de longa duración supera 50%. Unha cor que se percibe principalmente en zonas de Romanía, Bulgaria, Sur de Italia, Grecia e as zonas da antiga República Democrática Alemá.

mapa eurostat

Os dados recollidos no anuario indican que perto de 98.000 persoas na Galiza estaban en paro de longa duración. Son dados correspondentes a 2017. Desde aquela a situación mudou na cifra, mais non na porcentaxe. No inicio do presente ano o paro de longa duración atinxía na Galiza 71.600 persoas, case a metade das que están rexistradas no desemprego no noso país, 148.000. Ademais, 50.700 levan sen atopar traballo un mínimo dous anos.

En 2018 a metade das persoas rexistradas no desemprego no noso país eran paradas de longa duración, un peso que se mantén. Así pois, temos seis puntos máis de persoas en paro de longa duración que a media española (44,5%) e que a Unión Europa (45%). 

A comezos da crise o paro de longa duración non chegaba a 3,5 e agora está por riba de 6%. Catro de cada dez persoas no paro na Galiza levan máis de dous anos nesa situación, máis un sinal da cronificación do problema.