CRISE DO LEITE

Os gandeiros continúan os protestos na Coruña e en Lugo

Os gandeiros continúan os protestos na Coruña e en Lugo
[Imaxe: Campo Galego] Camións diante do Carrefour da Coruña
[Imaxe: Campo Galego] Camións diante do Carrefour da Coruña  

A Coruña e Lugo seguen a ser as cidades que acubillan na xornada do domingo os protestos dos gandeiros, que piden solucións diante da caída do prezo do leite en orixe. Aseguran que continuarán mobilizándose até que se lle dea resposta ás súas demandas.


Máis un día, e vai a cuarta xornada, os gandeiros continúan as mobilizacións na Coruña e Lugo debido á falta de respostas ás súas demandas, que teñen como obxectivo un prezo xusto para o leite. Así, mentres en Lugo hai perto de medio milleiro de tractores aparcados na contorna da muralla, na Coruña hai perto de 200 situados nas proximidades das áreas comerciais.

Un dos portavoces da asociación Agro Muralla, Roberto López, sinalou en declaracións a Europa Press que se mobilizarán de maneira indefinida até que se consigan solucións. Desde a Coruña, o membro de Unións Agrarias Óscar Pose, destaca a “boa acollida” dos protestos entre a veciñanza da cidade, que mesmo agasallou os gandeiros con cafés e comida e lles trasladaron o seu apoio.

Na xornada desta segunda feira, 14 de decembro, as rúas de Lugo acollerán unha manifestación que partirá ás 12h da Porta de San Fernando, para continuar pola zona histórica. Na Coruña, os gandeiros decidirán se amplían os protestos a outras áreas da cidade. A día de hoxe atópanse diante do Carrefour de Alfonso Molina e diante do Alcampo de Palavea.