O goberno pide seis meses máis a Alcoa

O goberno pide seis meses máis a Alcoa

Alcoa dá seis meses para desmantelar as fábricas e facilitar a súa venda.


A paralización do ERE de despedimento para os operarios das plantas da Coruña e Avilés así como seis meses máis de prazo para atopar unha solución que evite o fechamento de ambas as dúas factorías. Son dúas propostas recollidas no documento de mínimos elaborado esta terza feira após a xuntanza en Madrid de representantes da empresa, do goberno español, dos sindicatos e das administracións galega e asturiana.

A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, nunha entrevista concedida á Cadena Ser recollida por Europa Press, afirmou que piden que se poida traballar cun escenario temporal máis amplo para atopar solucións ao problema. "Hai solucións e estamos a avaliar proxectos", asegurou a titular da carteira de Industria.

"Onte Alcoa desmentía que estivese a bloquear a situación, iso non é certo. O bloqueo é certo e constátase cada día nas mesas que estamos a levar a cabo. Por tanto, se hai vontade por parte da empresa, o Goberno xa demostrou nos casos de Vestas e Cemex que se pode buscar unha solución de reindustrialización a calquera peche de empresa que se produza neste país", engadiu.

A dirección de Alcoa vailles propoñer os traballadores manter parte da actividade nas fábricas da Coruña e Avilés durante seis meses, un desmantelamento progresivo, para dar máis facilidades a que apareza un posible comprador. Con todo desbotan retrasar a negociación do ERE como lles pedía o ministerio.