SUSO GARCÍA

“Con esta greve as traballadoras venceron a baza do medo e a chantaxe”

“Con esta greve as traballadoras venceron a baza do medo e a chantaxe”

O sector de elaborados do mar7.000 empregos en Galiza – protagoniza un paro en demanda dun convenio digno no que é a primeira greve deste sector, onde as mulleres ocupan 80% dos postos de traballo. “O seguimento case absoluto sorprendeunos positivamente”, recoñece Suso García, secretario comarcal da FGAMT-CIG en Vigo. O comité de greve aprazou as dúas xornadas programadas para 24 e 25 de outubro ante a disposición da patronal a negociar, mais retomaríaas os días 30 e 31 se non hai avances.


Era a primeira vez que o sector de elaborados do mar ía á greve e na primeira das tres xornadas previstas de paro o seguimento foi total. Un seguimento tan amplo motivou o cambio de actitude da patronal, indican os sindicatos, que se sentará de novo na mesa tras a ruptura do diálogo o pasado 24 de setembro durante as negociacións do convenio estatal. Con este motivo, aprázanse as dúas xornadas de greve restantes convocadas para esta semana, 24 e 25 de outubro. En caso contrario, anuncian que retomarían os paros de 24 horas o próximo martes 30 e mércores 31. Falamos con Suso García, secretario comarcal da FGAMT-CIG en Vigo, pouco antes de se coñecer a decisión da patronal.

- Sorprendidos polo éxito no seguimento da greve? Os tres sindicatos convocantes (CIG, CCOO e UXT) coincidides en salientar unha participación total na primeira xornada en industrias como Fandicosta, Numarsi, Mascato, Pereira ou Cabomar, entre otras.

- Sorprendeunos satisfactoriamente, a verdade é que si. Sabiamos que ía haber un seguimento importante, todos tiñamos claro que había condicións máis que de sobra para esta greve. Sacar adiante este protesto deu relativamente pouco traballo en comparación con outras ocasións, todo se produciu case de forma natural, o que demostra que era algo que as propias traballadoras e traballadores do sector estaban demandando.

- É a primeira vez que o sector de elaborados do mar (7.000 empregos en Galiza) vai á greve malia levar anos padecendo situacións laborais duras, salarios baixos, alta precarización...

- É un sector moi precarizado, certo, onde os salarios de media andan nos 800 euros ao mes. A patronal xoga moito co medo da xente a perder o posto de traballo, cuns soldos que non permiten ter un mínimo ‘colchón’ detrás para ver de buscar outras alternativas… A isto engádese ter que soportar das xornadas laborais máis altas no sector da alimentación, sen case dereitos… Todo iso crea unhas condicións de precariedade nas que a xente sufre un medo lexítimo, claro. Mais chega un momento en que todo iso racha. E é agora, curiosamente cando a CIG ten presenza importante no sector.

- Custou vencer ese ‘medo lexítimo’?

- Custou. Pero fíxose. E hai que ter en conta un elemento: 80% dos traballadores deste sector son mulleres e creo que, afortunadamente e como demostrou a greve do pasado 8 de marzo, as mulleres xa perderon o medo, están a empoderarse, iso é moi positivo. Elas teñen o protagonismo na loita neste sector.

- Centrades as demandas en avanzos salariais e tamén en dereitos…

- Son unhas cuestións que temos claro que son de xustiza: Reivindicamos, entre outras demandas, que a finais de 2020 o salario máis baixo poida acadar os 14.000 euros. Tamén pluses de refrixeración, de noite, unha paga máis polos baixos salarios destes anos, dereitos como o de acompañar aos fillos ao médico…

- A incidencia das ETTs é moi grande neste sector…

- Hai empresas onde 70% das persoas que traballan alí son procedentes de ETTs, o que é unha barbaridade. Iso xa o indica todo.

- Vós, ás demandas e reivindicacións xerais, partilladas polos tres sindicatos, sumades tamén a dun convenio galego para este sector.

- Estamos nun convenio estatal cando 80% do sector está en Galiza. A inmensa maioría das traballadoras do sector son galegas, as principais empresas están en Galiza…Non ten sentido ter que ir negociar a Madrid, o que se procura con iso é afastar a negociación colectiva dos centros de traballo, debilitar os posicionamentos da clase traballadora. Ir negociar a Madrid acaba favorecendo as, por chamalo así, posicións burocratistas (ri), acaba levándose todo a negociacións de despacho, lonxe de onde se está a dar a loita, lonxe dos traballadores e traballadoras. Iso é o que lles interesa a grandes empresas, que nin sequera despois se presentan na mesa de negociación, senón que mandan uns avogados que non teñen poder de decisión e case nin de manobra.



x