O Grupo Peralada anuncia por videoconferencia o peche da fábrica naronesa Poligal

O Grupo Peralada anuncia por videoconferencia o peche da fábrica naronesa Poligal
Concentración dos traballadores de Poligal perante o Concello de Narón. Foto: cedida.
Concentración dos traballadores de Poligal perante o Concello de Narón. Foto: cedida.  

A dirección do Grupo Peralada quere pechar a fábrica naronesa da empresa Poligal, dedicada á produción de plástico, fundamentalmente para o sector da alimentación. Co anuncio, que foi transmitido onte pola mañá ao comité de empresa a través de videoconferencia, o holding catalán envía ao paro aos 108 traballadores que conforman o seu plantel, cuxa media de idade se sitúa en torno aos 50 anos, aducindo perdas millonarias nos últimos cinco anos e a nula viabilidade dun sector que, din, adoece dunha excesiva potencia instalada.


A noticia caeu como unha bomba nas instalacións naronesas, nas que non se agardaba, nin de lonxe, unha medida deste tipo. De feito, o motivo da reunión programada para onte non contemplaba abordar ningunha reestruturación produtiva, senón que se trataba da presentación dos novos representantes dos traballadores saídos das últimas eleccións sindicais. Rafael Souto, presidente do comité de empresa, explicou a Sermos Galiza que "ninguén agardaba tal cousa; estamos todos desolados, descolocados...".

Na mañá deste sábado, 23 de febreiro, os traballadores concentráronse diante do Concello de Narón, onde Peralada instalara a súa primeira fábrica de plástico, ao abeiro do plan que a finais dos 80 se deu en chamar ZUR (Zona de Urxente Reindustrialización) e que pretendía diversificar o sector industrial da comarca de Ferrolterra, castigado pola reconversión dos gobernos socialistas.

"Esiximos un respecto", subliñou Souto, "pois nós fomos a primeira planta e temos persoal cualificado e con experiencia. Agora imos presionar para que se manteña a actividade, pois, ben xestionada, é viábel e ten futuro". Souto apunta que á rúa non só marchan as 108 persoas que integran o seu plantel, senón tamén outro medio cento de postos de traballo indirectos. "É un desastre para esta comarca", sinala.

A polémica leva anos rondando as decisións do Grupo Peralada, que hai xa seis anos presentara un ERE que adelgazara en corenta persoas o plantel da factoría naronesa. Antes negara a deslocalización da produción cara a Portugal -onde hoxe ten unha fábrica- e hai apenas un par de anos inaugurou outra en Polonia cun investimento de 40 millóns de euros. "Aquí levan máis de vinte anos sen facer investimento ningún, co que iso supón para os procesos produtivos dun sector no que a tecnoloxía é clave". De feito, no último plan industrial aprobado para reestruturar a actividade após o ERE, recollíase o compromiso de mercar novos equipamentos. "Tivémolo que reclamar no xulgado en varias ocasións, até hoxe, sen que o cumpriran".

Os traballadores de Poligal manterán a vindeira semana encontros cos grupos políticos do Concello de Narón para recabar o seu apoio. O BNG xa presentou onte unha serie de preguntas parlamentares para reclamar á Xunta que tome medidas que eviten o peche dunha das últimas superviventes dunhas políticas de reindustrialización para Ferrolterra fracasadas.