XOSÉ PALEO, PRESIDENTE DO COMITÉ DE ALCOA SAN CIBRAO (CIG)

"Hai un risco real de que Alcoa San Cibrao feche"

"Hai un risco real de que Alcoa San Cibrao feche"
[Imaxe: Cedida] Xosé Paleo.
[Imaxe: Cedida] Xosé Paleo.  
Xosé Paleo é presidente, desde decembro de 2015, do comité de Alcoa San Cibrao, onde tamén é delegado da CIG. Afirma que a factoría da Mariña, un dos motores laborais da comarca, que representa 1200 empregos de maneira directa e centos de postos indirectos, está agora no momento máis delicado da súa historia. O alto custo da enerxía foi o argumento da dirección da multinacional para anunciar que paraba 32 cubas na planta de San Cibrao. O comité de empresa teme que San Cibrao siga polo camiño das factorías da Coruña e Avilés. 

m4_EntrevistaPaleoAlcoa vai camiño de fechar 2019 como o fixo en 2018, centrando as preocupacións de centos de traballadores e traballadoras e mantendo en vilo un sector da economía galega, o electrointensivo, que acumula varios anos na corda bamba. Antes foi a planta da Coruña e agora é a de San Cibrao. A falla de solución ao problema xerado polo alto custo da enerxía –solución que si se deu noutros Estados da Unión Europea– é o argumento da dirección da multinacional con sede en Pittsburgh, Pensilvania (Estados Unidos), para xustificar a redución da produción. O comité de empresa teme que se estean a dar os primeiros pasos dun camiño xa coñecido no sector, o feche, polo que urxe empresa e administracións a implicarse na procura dunha solución.

Pode fechar Alcoa en San Cibrao?

E tanto que pode fechar. Non hai máis que ver o que pasou coas outras dúas factorías que tiña Alcoa no Estado español, as da Coruña e Avilés. E os problemas viñeron polo mesmo motivo que agora, o alto custo da enerxía eléctrica para unha industria coma esta, á que este concepto lle supón o 40% do total do prezo da tonelada de aluminio. Non falamos pois dunha cousa menor. E, ademais, non hai outra maneira de producir aluminio que non sexa a través dun proceso electrolítico, que precisa dese consumo de enerxía. Non a hai. Entón, falamos dunha materia prima que polo seu alto custo Alcoa xa fechou dúas factorías no Estado.

Se ben a situación desas dúas plantas se solucionou coa adquisición por parte do fondo suízo Parter, lembremos tamén que ese acordo é por dous anos. Non está resolto de forma definitiva, hai unha data de caducidade. O problema principal está no mesmo punto, non se acabou de solucionar a cuestión verdadeiramente determinante: o alto custo da enerxía eléctrica. Un custo que nos xera aquí en San Cibrao unha situación na que non podemos competir con outros Estados europeos. Logo, se nos miramos no espello da Coruña e Avilés, que fecharon, e que a nós nos abocan polo mesmo camiño, pois preocupámonos, claro. Elas eran unhas factorías máis antigas, non tiñan a mesma tecnoloxía ca nós, non eran tan efectivas. Mais esa efectividade non é tan determinante como o é o custo da enerxía. Por iso hai que solucionar o tema da enerxía, porque se non estamos perante un risco real.

Un risco real de…?

O feche é o risco máis grande ao que se enfronta esta factoría desde que botou a andar. Houbera unha crise, a do “Casón“ (1987), mais aquilo foi un conflito diferente. O prezo da enerxía non era un problema daquela, non estaba privatizada. Daquela as cubas paralizáranse, mais a xente sabía que volverían arrancar. Agora non hai esa certeza [o pasado mes de agosto a empresa anunciou a parada de 32 das 512 cubas electrolíticas de San Cibrao pola baixada da produción].

Como conxurar ese risco? Que entenden desde o comité de empresa que se debe de facer para evitar despedimentos ou un feche?

Debe de chegarse á constitución dun marco enerxético que permita que este tipo de industrias poida competir en igualdade de condicións coas que operan noutros países da Unión Europea, como Alemaña ou Francia, xa non dicimos como Noruega. Neses Estados teñen unha regulación do marco enerxético que lles permite ter o prezo do KW moito máis barato ca nós. Iso demostra que é posíbel chegar a ese marco, que non é unha cuestión imposíbel.

Nesta cuestión inciden moito que teñen algo a dicir os gobernos galego e español…

Teñen responsabilidades, claro. E deben asumilas. Se ben no marco enerxético quen ten máis competencias, e polo tanto tamén máis posibilidades, é o Executivo español, o galego tamén as ten, pois ten competencias en industria. E, como Goberno da Galiza, debe preocuparse por procurar solucións. Vemos como noutros territorios os seus gobernos si o fan. En Euskadi conseguiron unha tarifa eléctrica que favorece a súa industria. Conseguiron así abaratarlle os custos de produción ligados á enerxía á súa industria. Ou sexa, que iso é posíbel. Mais aquí a Xunta non quixo nin sequera intentar ter algo semellante, e iso a pesar de que Galiza é unha gran produtora de enerxía. Exportamos enerxía. Hai que dar pasos nesa dirección e o Goberno galego non o fai. O certo é que a cuestión da enerxía e o seu prezo leva moito tempo riba da mesa e non se lle deu unha solución. E agora estamos a ver as consecuencias.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 365 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]