A UDC afirma nun informe que a súa inserción laboral é de 86%

A UDC afirma nun informe que a súa inserción laboral é de 86%
[Imaxe: Cedida] A vicerreitora de Estudantes, Margarita Amor; o reitor da UDC, Julio Abalde; e o director do Observatorio Ocupacional, Paolo Rungo
[Imaxe: Cedida] A vicerreitora de Estudantes, Margarita Amor; o reitor da UDC, Julio Abalde; e o director do Observatorio Ocupacional, Paolo Rungo  

O estudo realizouno o Observatorio Ocupacional no mes de xuño de 2019 con 1.506 entrevistas de 37 titulacións de grao distintas


A Universidade da Coruña (UDC) presentou esta cuarta feira 10 de outubro o informe “Inserción laboral e características do emprego das egresadas e dos egresados da Universidade da Coruña” realizado polo Observatorio Ocupacional da propia institución.

Os datos presentados apuntan a que a taxa de emprego das tituladas e titulados UDC no ano 2015 mellora un 3% de media os datos do anterior estudo de 2014 situándose no 86%.

Paolo Rungo, director do Observatorio Ocupacional e responsábel do informe, asegura a Sermos Galiza que estes datos dan unha idea da situación “real” no momento de realizar a entrevista.

No informe as áreas que mellor empregabilidade teñen son as de Enxeñaría e Arquitectura

No informe as áreas que mellor empregabilidade teñen son as de Enxeñaría e Arquitectura, cunha taxa de inserción laboral do 93%. Ciencias da Saúde ten unha taxa de emprego do 89,1%; Ciencias Sociais e Xurídicas sube a taxa de inserción ata o 83%; Arte e Humanidades mellora tamén ata o 84%; así como a rama de Ciencias que se sitúa no 71% de inserción laboral.

Os datos achegados din tamén que hai oito graos na Universidade da Coruña sen paro: Enxeñaría Informática, Turismo, Tecnoloxías Mariñas; Podoloxía, Enxeñaría Eléctrica, Náutica e Transporte Marítimo; Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática, e Química.

A taxa de paro das tituladas e titulados sería de 5,8%, cando na Galiza a taxa de paro entre a poboación con formación superior en idades entre 25 e 29 anos é do 12,5%.

A porcentaxe de graduadas e graduados da UDC que atoparon emprego en menos dun ano por ramas é do 90% para os titulados de Ciencias da Saúde; 72% para os de Enxeñaría e Arquitectura; 71% para Ciencias Sociais; 52% para Artes e Humanidades; e 33,8% para Ciencias. En Turismo, Enxeñaría Informática e Fisioterapia, nove de cada dez graduados ocupados atoparon emprego en menos de seis meses.

Soldos e fenda salarial por xénero

No que atinxe á remuneración, o soldo neto mensual medio das entrevistadas e entrevistados que traballan a tempo completo é de 1.450€; sendo para os homes de 1.580€ e para as mulleres, 1.350€, o q ue dá unha fenda salarial por xénero do 15%. “Estes soldos poden semellar elevados”, explica a Sermos Galiza Paulo Rungo, “é a media das retribucións das que traballan aquí das que están no exterior”

En relación a este último dato explica o director do Observatorio que o 62% traballa na Coruña, un 16% na Galiza e o resto no Estado español e noutros países. “Estes resultados demostran que a aposta polas TIC e as enxeñarías da UDC funciona, hai un maior encontro co mercado”.