Inspección de Traballo tivo que intervir ante o intento da dirección de “boicotear” a folga en Citroën

Inspección de Traballo tivo que intervir ante o intento da dirección de “boicotear” a folga en Citroën

A segunda xornada de paros paralizou a produción na factoría a pasada cuarta feira. As centrais denunciaron que desde a dirección se chamou traballadores e traballadoras doutras quendas para substituír as grevistas.


“A dirección de Citroën intentou boicotear a convocatoria [de folga] substituíndo o persoal ausente por outros traballadores, o que obrigou a intervir a Inspección de Traballo, que se desprazou até a fábrica”. Así o afirma a delegación da CIG na factoría viguesa, organización que canda CCOO e UXT convocou a greve, que tivo o apoio da CUT.

O amplo seguimento da folga pola sobrecarga de traballo paralizou a produción, afirmaron os sindicatos. Centos de traballadores e traballadoras percorreron as rúas de Vigo en manifestación ao berro de “montaxe solución!”.

As tres centrais convocantes da folga denunciaran esta semana que se acometeron “ilegalidades” por parte da dirección da factoría na primeira xornada de greve. “Substitúen traballadores que deciden secundar a folga”, “preguntan as traballadoras se van secundala”, “impoñen servizos mínimos sen respectar o Comité de Folga”...

“A sobrecarga de traballo está a incrementar os prexuízos físicos e mentais entre os operarios e operarias e provoca un aumento das enfermidades derivadas da actividade laboral”

O aumento dos ritmos e cargas de traballo están a levar os operarios da automoción até o extremo, someténdoos a unha sobrecarga física e mental. Os sindicatos levan tempo alertando desta situación.

“Tregua”

Desde as tres organizacións sindicais convocantes anunciaron que nos vindeiros días darán “unha tregua” á empresa até coñecer o resultado da xuntanza que manterán coa dirección na sexta feira. Con todo, adiantaron que continuarán coas mobilizacións no caso de que non haxa un compromiso por escrito de que se van adoptar as medidas necesarias para rematar coa problemática da cadea de montaxe.

Estas medidas pasan para os sindicatos, entre outras cousas, pola contratación do persoal necesario para desenvolver as operacións a un ritmo normal e pola recuperación das actividades externalizadas. De feito, a sobrecarga de traballo, sobre todo na liña 2, está a incrementar os prexuízos físicos e mentais entre os operarios e operarias e provoca un aumento das enfermidades derivadas da actividade laboral, así como o medre do absentismo.