Investigadora da USC denuncia a pasividade da Universidade perante un caso de acoso laboral

Investigadora da USC denuncia a pasividade da Universidade perante un caso de acoso laboral
[Imaxes de arquivo]
[Imaxes de arquivo]  

Unha técnica especialista en investigación da USC denunciou hai un ano un caso de acoso laboral na súa unidade de traballo. Embora contar cun informe do servizo de vixianza de saúde, que corrobora as súas denuncias, e levar de baixa un ano por accidente laboral, a Xerencia da Universidade de Santiago "continúa sen facer nada", denuncia a traballadora. 


Neste senso, após abrir un expediente por infracción "grave" e "moi grave" tanto ao xefe de unidade como o xefe superior, desde a Universidade rexeitan aplicar medidas cautelares e mesmo mudar de departamento á técnica á espera, din, de que se resolva o caso polos cauces convencionais. A piques de rematar a súa prórroga de baixa --para o que fican 6 meses-- a USC ofrece á traballadora "un subsidio por discapacidade" como solución ao conflito. Porén, Xulia Vieites [nome falso] asegura "estou perfectamente capacitada para traballar". 

Acoso laboral 

Xulia traballa na USC e na unidade de espectrometría proteómica desde hai 15 anos. Hai un ano denunciou un caso de acoso laboral por parte do seu xefe. "Controlábame todo o tempo, non me deixaba utilizar os equipos e mesmo me dicía que non servía para nada". 

Após denuncialo, a propia Seguridade Social recoñeceu o acoso e "o Servizo de Vixianza de Saúde da Universidade emitiu un informe no que recoñecía o caso", conta a traballadora quen se remite á documentación que lle foi achegada por ambos os dous organismos. Así é que a propia comisión creada pola USC para avaliar o caso, abriu un expediente ao xefe de unidade e ao seu superior por unha infracción "grave" e "moi grave". E é que este último "coñecía o que estaba a acontecer e non fixo nada", aseguran fontes consultadas por Sermos Galiza que, asemade, dan conta de que "outras dúas traballadoras estaban na mesma situación" que Xulia. 

Presións ás traballadoras para non denunciaren acoso

Outras integrantes da equipa de investigación partillaban a mesma situación que Xulia, porén, "mudaron a súa opinión após convocárense oposicións no departamento". Neste senso, Xulia asegura que as súas compañeiras "recibiron presións" para non denunciaren o acoso ao que era submetida a técnica nen elas propias. 

Pola súa banda, "a Xerencia non adoptou ningunha medida cautelar", denuncia a traballadora quen tamén solicitou á Universidade ser trasladada a outra área de traballo mais que lle foi rexeitada. Aliás, explica Xulia, "tiven unha reunión con elas" --tanto a xerenta como as tres vice-xerentas son mulleres-- e "díxome que fora consentidora" do acoso recibido por parte do seu xefe. 

A USC "non fai nada"

Despois dun ano, a situación continúa paralizada. E a USC mantén a súa "pasividade", sinala a traballadora. Pois o responsábel da área continúa no seu posto de traballo e, unicamente, foi expedientado. "É unha situación moi complexa e delicada", aseguran fontes consultadas por Sermos Galiza. Neste senso, salientan a situación política da USC como unha das causas da demora na resolución do conflito. 

"Canto tempo ten que pasar para que se faga algo?", sinalan. Asemade, "a convocatoria electoral non axuda", xa que a Xerencia e o xefe de unidade fan parte da equipa saínte que, aliás, non se presenta á re-elección. "Están a agardar que sexan as eleccións para que os seguintes tomen unha decisión".