A ASOCIACIÓN PRESENTA RECURSO SOBRE O REPARTO DE COTAS ANTE A UE

José Blanco (Acerga): “Trátannos como contrabandistas e somos mariñeiros”

José Blanco (Acerga): “Trátannos como contrabandistas e somos mariñeiros”

Un reparto de cotas que non dá para vivir e o desleixo da Xunta de Galiza e do Goberno central son as principais denuncias da Asociación Galega de Armadores do Cerco (Acerga), que vén de recibir unha notificación do Tribunal Xeral da UE confirmando a presentación do recurso presentado días atrás contra o principio de estabilidade relativa que provoca o reparto de cotas actual. Falamos co presidente dos armadores, José Blanco.


Acerga recibiu esta sexta feira confirmación do Tribunal Xeral da UE a respeito do rexistro do seu recurso de anulación do principio de estabilidade relativa que implica un sistema de cotas inxusto. O que pretende a asociación con este recurso, que presenta a través dun despacho de avogados, é un aumento das cotas pesqueiras para o Estado español e, nomeadamente, para Galiza.

Con motivo da presentación do recurso falamos con José Blanco, presidente da Acerga, que nos conta que “o principio de estabilidade relativa é o responsábel de que ao Estado español lle corresponda só o 7% da cota pesqueira, cando Galiza é a primeira potencia de Europa”. “Este principio é anterior á entrada do Estado español na Comunidade Europea –data de 1983, cando se aprobou a política pesqueira comunitaria- e a nós deixáronnos as migas que lles sobraban”, explica.

José Blanco: “Aquí o único que se fixo foi unha política de despeces e máis despeces de barcos. Non hai dereito”

José Blanco acusa a UE de deixar “totalmente marxinados o Estado español e aínda máis a Galiza” e culpa os Gobernos de Madrid e a Xunta de “non defender a pesca galega”. “Aquí o único que se fixo foi unha política de despeces e máis despeces de barcos e mentres os peixes nos comen no mar. Non hai dereito”, denuncia.

Este mariñeiro afirma que “como a Xunta e Madrid non quixeron traballar para o pobo tivemos que ser nós quen nos movemos e recorremos á xustiza”. “Estamos gastando moitos cartos, pensa que temos tres contenciosos abertos: dous en Madrid e un, este último, en Bruxelas”, salienta José Blanco, que ironiza con “darlle dúas medallas á conselleira galega, como xa lle deron unha á ministra de Madrid”.

José Blanco: “Camiñamos cara a unha guerra civil de mariñeiros provocada pola conselleira do Mar –Rosa Quintana-, por Feijóo por lle facer caso e por Madrid”

“Temos unha inspección tan grande enriba dos barcos que non podemos vivir. Trátannos como contrabandistas, parecemos contrabandistas e non o somos. Somos mariñeiros”, defende o presidente da Acerga, que advirte de que “camiñamos cara a unha guerra civil de mariñeiros provocada pola conselleira do Mar –Rosa Quintana-, por Feijóo por lle facer caso e por Madrid”, advirte. Refírese aos enfrontamentos que comezan a darse entre mariñeiros polo reparto de cotas, “é unha tristeza que un pai non lle poida falar a un fillo diante doutro fillo”.

Conclúe que a conselleira do Mar lle “fixo un dano tan grande, tan terríbel, á pesca galega que todo o malo que fixo non collería nun periódico enteiro”.

A Xunta renunciou a presentar o seu propio receurso

Outras fontes do sector explícannos que Acerga presentou o recurso perante a UE após a indecisión da Xunta de Galiza, “cando convidamos a conselleira a se sumar ao noso recurso, antes de nós presentalo, díxonos que a Xunta estaba estudando presentar un recurso propio, pero non presentou nada de nada”.

“Para se escudar en non presentalo, a conselleira contounos que ía organizar unhas xornadas en maio para consensuar unha denuncia en Europa, pero o prazo para presentar o recurso xa finalizou”, expoñen as mesmas fontes, que convidan as artes varias do sector e a todas as organizacións que o desexen a se sumar ao recurso presentado pola Acerga en Bruxelas. Engaden que “todos unidos, con máis peso, podemos representar os intereses da pesca galega”.