Manifestación en Compostela contra os "falsos procesos de estabilización" no emprego público

Manifestación en Compostela contra os "falsos procesos de estabilización" no emprego público

Convocada por varias organizacións sindicais.


Unha decena de organizacións (Apmaegal, CGT, CNT, CUT, USDG, Temporais do Consorcio, Asate, Cobas, AGIX, Asociatem) convocan una manifestación para este sábado, 28 de setembro, en Compostela para denunciar “os falsos procesos de estabilización do emprego público que os distintos gobernos xa puxeron ou porán en marcha co aval cómplice de CCOO, UGT e CSIF”.

Estas organizacións expresan que “o goberno non busca estabilizar as persoas, senón as prazas”, prazas que, denuncian: “son ocupadas dende hai anos por empregadas públicas temporais en fraude de lei”.

Segundo denuncian estes colectivos conformados por persoal do sector público “a perpetuación do traballo temporal na administración pública española incumpre as razóns expresamente xustificadas de necesidade e urxencia ás que deben responder os contratos temporais e dá lugar á cobertura de prazas estruturais polo persoal temporal”.

Demandan a “paralización inmediata” dos “falsos procesos de estabilización” e a “consolidación” mediante regularización administrativa de todo o persoal público “en fraude e abuso de temporalidade”.