Mariñeiros galegos presentarán unha demanda colectiva en Noruega contra o país nórdico

Mariñeiros galegos presentarán unha demanda colectiva en Noruega contra o país nórdico

Fartos da “inacción” do goberno español, demandarán nos tribunais nórdicos ao país por non pagarlles prestaciñons malia cotizar alí décadas. Esgotada esta vía, darán o paso de levar o caso perante Estrasburgo.


Os mariñeiros galegos que durante anos traballaron en buques de bandeira norueguesa van presentar nese país nórdico unha demanda colectiva contra Noruega. Un paso que decidiron dar após meses de pedir ao Estado español que demandade Noruega por non pagarlles as pensións nin prestacións malia cotizar alí durante décadas. Madrid dixo que non a esa solicitude e os ‘galisik’ (galegos, en noruegués) optaron por non se render e seguir adiante na defensa dos seus dereitos.

Esta terza feira varias ducias deles volveron se manifestar en Compostela, nunha mobilización que finalizou perante o Parlamento galego, de onde saíron deputados como Francisco Jorquera e Ana Pontón (BNG) para falar con eles.

Alberto Paz, secretario de ‘Long Hope’, a asociación que representa a estes mariñeiros, defende que “perante unha inxustiza social” como a que padecen non fica outro remedio que demandar, unha medida para a cal contrataron avogados noruegueses que pagarán dos seus propios petos os afectados.

Os mariñeiros galegos pagaron entre 1952 e 1994 impostos por valor de 520 millóns de euros, segundo cálculos de ‘Long Hope’, a asociación que os representa. Porén, Oslo non recoñece o dereito a pensión ou prestación argumentando que non residían no territorio, pois estaban embarcados.  Segundo os mariños a decisión vulneraría os convenios de Dereitos Humanos ao "discriminar por nacionalidade" (artigo 14 da Convención europea de 1950), un argumento que foi exposto polo profesor da Universidade da Coruña XM Carril nun estudo. 

Estas persoas eran partidarias de que o Estado español demandase Noruega perante o Tribunal europeo de Dereitos Humanos. A finais de maio, o Estado español anuncioulles que non adoptará esta medida.