DENUNCIA DOS SINDICATOS

Medio Rural envía ao paro a máis de mil traballadores e traballadoras contra-incendios

Medio Rural envía ao paro a máis de mil traballadores e traballadoras contra-incendios

É unha redución de máis de 50% dos efectivos dispoñibles na prevención e extinción de incendios forestais.


A Consellaría do Medio Rural ten previsto comezar nos vindeiros días o que os sindicatos cualifican como “desmantelamento do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais de Xunta”. CIG, CCOO, CSIF e UGT  anuncian que en breve irán ao desemprego 436 empregados e empregadas públicas, “con contratos precarios fixo-descontinuos que remataron o seu período de actividade o pasado 31 de outubro”, mentres que o 30 de novembro a medida afectará outros 610. En total, 1046.

O desmantelamento acometido pola Consellaría que dirixe José González Vázquez implica unha redución de máis do 50% dos efectivos dispoñibles na prevención e extinción de incendios forestais. En concreto, máis de mil bombeiros forestais, vixilantes, emisoristas e operadores irán ao paro entre o 31 de outubro e o 30 de novembro”.

Lembran estas centrais que os incendios xa non son algo exclusivo do verán: Incendios de outono ou primavera, e incluso inverno, que non son un fenómeno illado, “temos como exemplo o acontecido en outubro de 2011 e marzo do 2012, que en condicións adversas se poden converter en lumes descontrolados”.

Concentración o 30 de novembro

Para denunciar esta situación, os sindicatos convocan a todos os traballadores e traballadoras as do SPDCIF a concentrase diante da Consellaría do Medio Rural o vindeiro 30 de novembro, ás 11 horas.



x