Mobilización na estación de Ribeira denuncia “delitos continuados” de Autobuses Ferrín contra os dereitos do seu persoal

Mobilización na estación de Ribeira denuncia “delitos continuados” de Autobuses Ferrín contra os dereitos do seu persoal

Piden o cumprimento da legalidade e a execución das sentenzas xudiciais.


Unha concentración na estación de autobuses de Ribeira convocada pola CIG denunciou o “acoso laboral” que afirman que sofren traballadores e traballadoras do Grupo Ferrín. A representante sindical Anxela Martínez Parada explicou que esta situación non é nova. “Levamos 5 anos con continuas demandas, denuncias perante a Inspección de Traballo, acordos incumpridos e mesmo sentenzas xudiciais que houbo que pedir que se executaran”.

CIG fala de que hai prolongacións indebidas da xornada, non se pagan as horas de nocturnidade, as horas de espera, as dietas, non se respectan os descansos e a empresa acumula “ducias de sancións” de Inspección de Traballo e sentenzas xudiciais condenatorias.

Con todo, a representante da CIG sinala que agora mesmo hai unha vía de negociación aberta pero que se mantivo a mobilización porque “non deu pasos para cumprir o convenio ou os acordos xudiciais”.

A CIG xa presentou unha denuncia penal a finais de xullo e ten previsto remitir un escrito á Xunta de Galiza para demandar que vixíe a quen lle concede as concesións e que teña estas circunstancias en conta á hora de valorar as ofertas nas próximas concesións do servizo de transporte de viaxeiras e viaxeiros.

Petición ao Concello

O BNG ribeirense apoiou a concentración. O seu portavoz, Xosé Vázquez Cobas, manifestou que o concello debe tomar medidas para esixirlle á empresa que cumpra cos dereitos laborais. "O persoal da empresa non pode ser acosado e debe cobrar os cartos que se lle adebedan e o concello tamén ten responsabilidade ao ter subscrito un convenio co Grupo Ferrín", asegurou.