Mobilizacións por un convenio “digno” do sector de ambulancias preceden á greve que comeza o 8 de febreiro

Mobilizacións por un convenio “digno” do sector de ambulancias preceden á greve que comeza o 8 de febreiro

Traballadores e traballadoras concentráronse simultaneamente diante dos hospitais de referencia das sete cidades


Traballadores e traballadoras das ambulancias mobilizáronse de maneira simultánea diante dos centros hospitalarios de referencia de toda Galiza para demandar un convenio digno no sector. As protestas enmárcanse no calendario de mobilizacións previas á greve que CIG, CCOO e UGT teñen convocada no transporte sanitario a partir do 8 de febreiro, após “a patronal rachar definitivamente a mesa de negociacións”.

O convenio do transporte sanitario de Galiza vénse negociando dende hai tres anos pero a patronal non avanzou ningunha proposta asumíbel, limitándose a formular recortes e ameazar con descolgues, critican os sindicatos.

Desde a CIG apúntase á Xunta como principal causante da precarización das condicións laborais no sector e do desmantelamento do servizo público, por sacar os contratos a concurso por debaixo do seu custo e  aceptar as propostas con baixa temeraria presentadas polas empresas para competir entre elas, "sabendo que isto provocaría rebaixas nos salarios das traballadoras e traballadores".

A mobilización deste quinta feira precede á convocatoria de folga no sector e  que se desenvolverá de forma intermitente do 8 ao 11 de febreiro; do 18 ao 24 de febreiro; do 4 ao 10 de marzo e, a partir de aí, terá carácter indefinido.



x