A FOLGA DAS CIGARREIRAS DE 1831

“As mulleres, fregar os pratos ás súas casas”

“As mulleres, fregar os pratos ás súas casas”
Fábrica de Tabacos da Coruña
Fábrica de Tabacos da Coruña  

O 7 de marzo de 1831 a autoridade militar da Coruña ordena a detención de varias traballadoras da Fábrica de Tabacos acusadas de promover e dirixir unha folga en defensa dunha mellora nas condicións de traballo. A protesta que deu orixe a estas medidas represivas representa un fito no proceso de mobilización das mulleres galegas absolutamente expulsado da historia do país.


Adóitase poñer como punto de arranque das loitas das cigarreiras coruñesas as xornadas de folga de decembro de 1857. Porén o seu inicio remóntase a varias décadas antes. O 3 de marzo de 1831 as máis de 2.000 traballadoras da Fábrica de Tabacos da Palloza decláranse en folga e concéntranse a partir das sete da maña diante do posto do seu traballo acompañadas dos seus familiares para impediren o aceso daquelas compañeiras que decidiran non sumarse a protesta.

As folguistas non dubidaron en arroxar pedras e outros obxectos contundentes ás persoas que tentaban entrar a traballar, non tardando en aparecer no lugar membros da milicia cos que se enfrontarían de diverso xeito, chegando a denunciar o oficial ao mando que “ao baixar a costa de Santa Lucía fun apedrado e insultado con palabras e voces bastantes escandalosas”, rematando finalmente por disolverse a mobilización.

O tenente coronel Ildefonso Perich testemuñou que antes de cargar advertiu que “as mulleres, fregar os pratos ás súas casas”

En distintos puntos da cidade

As accións de protesta sucedéronse ao longo de toda a xornada en diferentes puntos da cidade. Arredor das once da mañá volven á fabrica un grupo de traballadoras encabezadas por algunhas das súas dirixentes como Sabela Abad e Vicenta Álvarez co obxectivo de facer chegar as súas demandas ao director, presentándose ao pouco unha compañía de granadeiros co obxectivo de disolvelas. Segundo testemuñou na causa aberta polos sucesos o tenente coronel da mesma, Ildefonso Perich, saíu da fabrica cun cabo e oito soldados “co fin de desfacer por ben ou por mal o pelotón de xente”, sinalando máis adiante que antes de cargar advertiulles que “as mulleres, fregar os pratos ás súas casas, os homes cada un a súa ou cavar ao campo” para rematar ameazando que “a muller ou home que se opoña irá ao cárcere, e se, por desgraza algún home persiste na resistencia, quitáballe a vida”.

Os momentos de máxima tensión da protesta aínda estaban por chegar. A volta das doce do mediodía as traballadoras dislocáronse ao peirao da Aduana, onde agardaban que embarcase o inspector de labores da Palloza, unha sorte de xefe de produción da fábrica, que concentraba boa parte do descontento das operarias polo trato que lles fornecía.

Avisado polo director do centro de traballo da situación, viuse obrigado a non saír da casa “ao parecerlle prudente obedecer ao recado ao observarse un grande motín e asonada por parte das operarias que se atopaban previstas de pedra”. Xa por último, entre as cinco e seis da tarde, coincidindo co remate da xornada laboral, dirixíronse de novo á fabrica para achegar de novo a súa protesta a aquelas poucas compañeiras que acudiran a traballar protexidas pola milicia, producíndose un seguimento das crebafolgas polas rúas da cidade e un novo enfrontamento coas forzas da orde, máis unha vez apedradas neste caso polos canteiros que se tiñan solidarizado coas reivindicacións das tabaqueiras.

Represión

A represión non tardou en bater contra as dirixentes da folga. Se o día 6 de marzo o gobernador anunciou o inicio dunha causa xudicial que debía ser instruída pola autoridade militar, o día seguinte comezan a deter algunhas das traballadoras que máis destacaran na protesta como Antonia Araúxo, Xosefa González, María Cortes, María Cañas ou Antonia Cervigón “A Terranova”, continuando na vindeira xornada cos primeiros interrogatorios e novas detencións, neste caso de Clara Viñas, Xoana Bellón, Xosefa Vázquez, Ceferina Vázquez, Manuela de Parga e Xosefa González. Porén, o Capitán Xeral de Galiza desconforme coa xestión que se estaba a facer da mobilización ordena endurecer as medidas represivas, iniciándose arrestos masivos na Coruña que levan ao cárcere outras mulleres como Dores García, Xosefa Peirallo, Dores Fariña, María Cortes ou Manuela Estacións.

As mulleres non tardarían en saír en liberdade após un xiro inesperado no procedemento, se ben a causa se reabrirá en xaneiro de 1832, provocando a fuxida de boa parte das encartadas da cidade, ditándose outra orde de detención no mes de setembro. Finalmente o 7 de outubro de 1832 serán indultadas pola raíña rexente María Cristina atendendo a diversas solicitudes achegadas desde A Coruña.

A folga das tabaqueiras de marzo de 1831 rematará con perto de corenta mulleres detidas no cárcere da Coruña

A chispa que prendeu o lume entre as tabaqueiras da Coruña foi unha diminución na carga de traballo que implicaba de facto unha redución nos ingresos. Porén as razóns do descontento e da protesta son máis de fondo. As motivacións inmediatas que levaron as traballadores da fábrica da Palloza o 2 de marzo a declarar a folga estaban ligadas aos axustes na produción concretadas nunha redución da materia prima a traballar que implicaba unha importante caída nos ingresos ao depender das pezas rematadas.

Malia todo, na táboa reivindicativa achegada polas folguistas á dirección en pleno conflito ficaba claro o malestar das obreiras coa nova organización da produción “xa que provoca grandes escándalos, dándolles traballo en horas irregulares e obrigándoas a facer contra toda lei”. Ao tempo que advertían a súa decisión de non volver ao traballo até que non lles garantan “a volta ás antigas regras”, manifestan o seu rexeitamento ás condicións de traballo impostas pola equipa de dirección da fábrica, atendendo as novas orientacións marcadas desde o goberno para o conxunto de fábricas de tabaco do Estado.