Mulleres, precarias e fartas

Mulleres, precarias e fartas
[Imaxe: Uxía Castro] Manifestación en Lugo
[Imaxe: Uxía Castro] Manifestación en Lugo  

Ser muller no mercado laboral galego equival a dicir peores soldos e prestacións, maior temporalidade e precariedade ou máis risco de acabar no desemprego. Unha realidade que non se poder xeneralizar a todas e cada unha das mulleres mais que si conforma unha desigualdade case estrutural. Eis un extracto da reportaxe publicada ao respecto no número 337 de Sermos Galiza.


mini8A II Conferencia Internacional de Mulleres Socialistas (Copenhage, 1917) fixou a proposta de Clara Zetkin o 8 de Marzo como Día Internacional da Muller Traballadora. A elección da data continúa a ter diferentes versións: desde que se elixiu o 8M polo motín de mulleres rusas nese día de 1917 perante a falla de alimentos até a greve de operarias do téxtil en Nova Iork que nese día de 1857 rematou con ducias de traballadoras asasinadas por reivindicaren os seus dereitos. En todo caso, elas, en feminino plural, suxeitos da historia, protagonistas.

Décadas despois as mulleres continúan a loita contra unha desigualdade que persiste. Os estudos e informes presentados nestas semanas por sindicatos como CIG e CCOO dan boa mostra de como o mercado laboral galego reflicte esa situación desigual. “A precariedade ten rostro de muller”, resumen desde ambos os dous sindicatos o contido dos estudos.

Soldos e prestacións inferiores, menor participación no mercado do traballo, temporalidade e precariedade son cuestións que marcan e definen a presenza feminina no mercado laboral. A comezar pola propia taxa de ocupación, que entre os homes é de 42,7% mentres nas mulleres é 51%. Un desequilibrio de 9 puntos que non se pode entender sen as responsabilidades que ela ten que asumir no coidado de menores, maiores, persoas enfermas ou dependentes.

O mercado laboral está marcado para as mulleres por dúas segregacións: horizontal e vertical. A primeira delas (horizontal) reflíctese en que elas traballan normalmente no sector servizos e aqueles que, como sanidade ou coidados, se relacionan co feminino. A segregación vertical significa que elas realizan “ocupacións elementais” que supostamente requiren menos cualificación (e están peor remuneradas) mentres que en postos de dirección e xerencia fican por baixo de 40%, sendo a maioría homes.

Máis de 77% das persoas que traballan a xornada parcial son mulleres. En 2018 máis de 22% das traballadoras galegas estaban neste tipo de xornada por só 6% dos homes. O mesmo acontece coa temporalidade, onde as mulleres superan os homes en 12 puntos porcentuais. Unha situación que condiciona a propia independencia económica dela e o de ter posibilidade de gobernar unha vida de seu.

[Podes ler a reportaxe íntegra no semanario Sermos Galiza en papel número 337, á venda na loxa e nos quiosques]