“Non pasou nada que non pasara noutras”

“Non pasou nada que non pasara noutras”
[Imaxe: CC.OO.] Concentración esta terza nos Xulgados da Coruña.
[Imaxe: CC.OO.] Concentración esta terza nos Xulgados da Coruña.  
Un cento de persoas, entre elas, representantes de Unidas Podemos, Esquerda Unida, Anova e Marea Atlántica, apoian ao presidente do comité de empresa de Alcoa Coruña que prestou declaración nun Xulgado da Coruña polos incidentes na manifestación do pasado marzo en Madrid.

Juan López Corbacho, presidente do comité de empresa de Alcoa Coruña, declarou durante  quince minutos diante dun xuíz da Coruña. Reafirmou a súa inocencia e valorou o acontecido en marzo en Madrid diante do Congreso como unha protesta que transcorreu dentro dos parámetros habituais.

Juan López Corbacho declarou na Coruña, onde ten o seu domicilio, por unha cause que instrúe un xulgado de Madrid. Os seguintes en declarar -o próximo 8 de outubro- serán tres sindicalistas, entre eles Víctor Ledo, secretario de Industria de CCOO. E aínda quedan pendentes as declaracións de Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino, deputados de Unidas Podemos (UP), e da exparlamentaria Ánxela Rodríguez

Díaz e Gómez-Reino acudiron á concentración da Coruña. Tamén Rafa Mayoral, deputado madrileño de UP, tamén imputado. "Todo o mundo viu o que sucedeu no Congreso. Deuse unha situación anómala a nivel democrático, é fundamental defender os dereitos dos traballadores e da cidadanía para defenderse diante do Congreso, que representa a soberanía popular", comentou Gómez-Reino.

"Non pasou nada que non pase nun conflito en que unha empresa quere pechar e despedir centos de traballadores", dixo Ramón Sarmiento, secretario xeral de CCOO en Galiza, tamén presente na protesta. Antón Sánchez, un dos portavoces do Grupo Común da Esquerda, e Eva Solla, coordinadora de Esquerda Unida, entre outras representantes políticas, apoiaron a protestas e as demandas de derrogación da lei mordaza.