O COMITÉ DE EMPRESA REXEITA A POXA

“Non queren industria”, denuncia o persoal de Alcoa

“Non queren industria”, denuncia o persoal de Alcoa
(CIG)
(CIG)  

A publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) da poxa de interrompibilidade puxo en alerta ao persoal de Alcoa. O comité de empresa asegura que o anuncio empeora a situación e non favorece a industria electrointensiva. No horizonte a resposta sindical está na rúa. Ao tempo, miles de persoas maniféstanse en Foz polo futuro dunha industria chave na comarca da Mariña.


“O goberno desexa non ter industria”. Así de directo é José Antonio Zan, presidente do comité de empresa de Alcoa en San Cibrao, após dixerir o texto da poxa de interrupción que publicou esta terza feira 3 de decembro no Boletín Oficial do Estado (BOE). O responsábel sindical explica a Sermos Galiza que as bases publicadas non teñen moito sentido en ningún dos seus apartados. “Pon a competir cementeiras con empresas que necesitan a enerxía para poder subsistir”, explica o presidente do comité de empresa, “no noso caso un 40% dos custes de produción da nosa empresa é de enerxía e na poxa compáranos con outras que teñen dependencia enerxética nun 0,5%, é ridículo”. 

Segundo explica Zan a situación empeorou. “O prezo da nosa enerxía estaba 20 euros máis cara que o de Francia e Alemaña”, sinala, “esa diferencia por megavatio (Mw) a final de ano supuña que a nosa fábrica comezaba con 70 millóns de perdas”. Con esta nova poxa non baixan o prezo para poder competir co resto de Europa, todo o contrario. “Agora serán 10 euros máis polo que estaremos a 30 euros/ Mw e a 105 millóns de euros en perdas”, explica Zan. Para o presidente do comité de empresa “é unha auténtica salvaxada por parte dun goberno que ten un Ministerio de Industria e outro de Transición Ecolóxica que se están a cargar a industria do país”.

As poxas no seu momento fixéronse con bloques de 90 Mw para que tiveran unha parte fixa as grandes empresas electrointensivas. A poxa basease en que unha grande empresa electrointensiva como Alcoa que consumía 400 Mw “nun momento dado de colapso da rede estatal paraba o consumo de enerxía e volcaba 400 Mw á rede”, explica José Antonio Zan, “esa cantidade sería algo así como o que produciría a central nuclear de Garoña”.

O futuro de Alcoa

“Unha vez que a estas empresas non lles permites competir perderían diñeiro indo á poxa posto que parar as cubas electrolíticas leva consigo un desaxuste do proceso que tarda un mes en recuperar”, sinala a Sermos Galiza o presidente do comité de Alcoa, “polo que non ten sentido pagar o mesmo que gastas”. Esta mesma explicación deu a propia multinacional cando coñeceu as bases da poxa. Queda aberta a posibilidade, daquela, de que a empresa decida non presentarse.

O enfado do persoal de Alcoa en San Cibrao co Goberno español é evidente

“Non sei que vai facer a empresa, nós o único escenario no que traballamos é aquel que solucione os problemas da planta en San Cibrao”, asegura José Antonio Zan, “non é lóxico que a grande industria marche para Franza se ao Goberno lle dá a gana”.

O enfado do persoal de Alcoa en San Cibrao co Goberno español é evidente. “Non se lle ve vontade ningunha ao PSOE, polo menos ao que está en Madrid”. Desde o comité de empresas anuncian mobilizacións e unha grande manifestación en Lugo “antes de fin de ano” se o Goberno non actúa antes.

O comité de Ferroatlántica carga contra a poxa

O comité de empresa de Ferroatlántica critica ao Goberno español polo recorte da poxa de interrumpibilidade para o primeiro semestre de 2020. Adiantan mobilizacións en defensa dos postos de traballo e en favor dunha tarifa eléctrica competitiva.

Nun comunicado, reproba que supón un 60% menos con respecto á última poxa, e amosan a súa preocupación "en especial" pola desaparición dos bloques de 40 Mw "que afectan aos grandes consumidores" como é o caso de Ferroatlántica.

CIG chama a mobilizarse diante dun Goberno español 'enrocado na mentira'

“O Goberno español segue enrocado na mentira permanente”, sinala o secretario xeral de CIG Paulo Carril. Para a central sindical nacionalista a actitude do Goberno español é de “inoperancia” e a poxa feita pública “agravará a crise na que está sumida a industria electrointensivas a causa dos elevados custes do prezo da enerxía ”. Sinalan que con estas condicións poderíase dar incluso a circunstancia de que Alcoa non concorra no proceso, favorecendo así ter unha escusa para aplicar máis axustes laborais e produtivos no complexo de San Cibrao.

CIG ten denunciado en numerosas ocasións que o actual sistema de poxa constitúe "unha auténtica ruleta rusa e a verdadeira causa da inestabilidade e do risco permanente dos postos de traballo neste sector”. Por este motivo e nestas circunstancias fai un chamamento a mobilizarse e volvera concentrarse a vindeira terza feira, 10 de decembro, ás 11 horas na Delegación do Goberno na Coruña.