Nova concentración de CIG-Saúde diante do Sergas para exixir que a Xunta se faga cargo do hospital vigués

Nova concentración de CIG-Saúde diante do Sergas para exixir que a Xunta se faga cargo do hospital vigués
[Imaxe: CIG] Concentración CIG-Saúde de Povisa diante do Sergas
[Imaxe: CIG] Concentración CIG-Saúde de Povisa diante do Sergas  

Malestar pola defensa no Parlamento por parte do conselleiro da empresa Ribera Salud


A CIG-Saúde convocou esta sexta feira 11 de outubro unha concentración diante da consellaría de Sanidade para exixir que esta adquira o hospital de Povisa para garantir asistencia sanitaria pública e de calidade ás máis de 137.000 persoas da área sanitaria de Vigo. Na mesma solicitaron unha reunión co propio conselleiro que non foi aceptada polo que entregaron un documento no que se explicaban as demandas en relación á venda de Povisa ao fondo de investimento Centene.

María Xesús Neira, representante da CIG no comité de empresa de Povisa, aseguraba na concentración que “seguimos a reclamar que o Sergas merque Povisa, absorba ao cadro de persoal e non deixe que entre a multinacional”. Segundo Neira pode facelo “de aquí ao ano 2022 que remata o concerto”.

Malestar pola resposta do conselleiro

As contestacións do conselleiro de Saúde Jesús Vázquez Almuíña na comparecencia no Parlamento desta semana non foron moi tranquilizadoras para o comité de empresa. “Defende a traxectoria de Ribera Salud cando sabemos cal é”, afirma a Sermos Galiza María Xesús Neira, “se se consolida a venda dependeremos dunha empresa que está nos Estados Unidos”.  

En relación á reunión mantida a pasada cuarta feira 9 de outubroco propio Vázquez Almuíña, Neira explica que “o conselleiro estivo cinco minutos aínda que a reunión continuou”. Sinala que “seguen co seu apoio á venda a Ribera Salud e insisten que manterán os postos de traballo cando en realidade fálase de mantelos ‘na medida en que se poida’, algo moi xenérico”.