As organizacións sindicais denuncian a industria láctea perante a Xunta polas "ilegalidades" nos contratos

As organizacións sindicais denuncian a industria láctea perante a Xunta polas "ilegalidades" nos contratos
[Imaxe SLG]
[Imaxe SLG]  

Exixen a "nulidade" dos contratos asinados en 2015 por incumpriren o paquete lácteo e existir "ilegalidades manifestas" na aplicación dos mesmos.


O conflito no sector lácteo continúa. Após a desaparición das cotas, da sanción imposta por Competencia á industria logo de máis dunha década pactando os prezos e das denuncias polos baixos prezos en orixe, as organizacións sindicais agrarias veñen de rexistrar unha denuncia formal perante a Xunta na que exixen a "nulidade" dos contratos asinados en 2015. 

Unións Agrarias, ASAJA e o Sindicato Labrego Galego aseguran que os documentos non cumpren co fixado no paquete lácteo e concorren en "ilegalidades" manifestas a comezar por non ter existido negociación algunha coas explotacións antes da súa sinatura. 

"Temos a constatación de que as industrias e primeiros compradores que recollen o leite na Galiza tentan cumprir formalmente o que di o paquete lácteo mais, na práctica, levan a cabo ilegalidades manifestas na aplicación dos contratos", sinala Roberto García, secretario de Unións Agrarias. 

Explotacións obrigadas a asinar a "renuncia voluntaria"

E é que "o gandeiro, en ningún momento, nen de maneira individual nen colectiva, puido modificar nen unha soa vírgula dos distintos contratos, moitos deles claramente abusivos", acrecenta. Neste senso, as organizacións sindicais aseguran que as explotacións asinan malia as condicións prexudiciais por se tratar dun produto perecedoiro "perante o que a única alternativa é asinar ou tiralo". 

Asemade, denuncian que as industrias están a incumprir a duración mínima dos contratos e mesmo sinalan que os documentos se presentan ás explotacións coa "cláusula de renuncia voluntaria" xa cuberta para que asinen "do contrario non lle recollen o produto". "Temos multitude de testemuñas que din que as empresas fan unha oferta superior se [os gandeiros] renuncian á duración", denuncian. 

As organizacións avanzaron que presentarán a mesma documentación rexistrada na Xunta perante o Ministerio de Agricultura.