ÍNDICE GLOBAL DOS DEREITOS DA CSI

A outra ‘marca España’: o Estado español entra na categoría de países onde regularmente se violan dereitos laborais

A outra ‘marca España’: o Estado español entra na categoría de países onde regularmente se violan dereitos laborais
Xesús A. López Pintos, responsábel comarcal da CIG en Ferrol en 2012, detido e golpeado pola Policía nunha protesta do naval. Denunciou torturas e malos tratos en comisaría.
Xesús A. López Pintos, responsábel comarcal da CIG en Ferrol en 2012, detido e golpeado pola Policía nunha protesta do naval. Denunciou torturas e malos tratos en comisaría.  

O informe da Confederación Sindical Internacional clasifica 142 países en función de 97 indicadores recoñecidos internacionalmente para avaliar onde están mellor protexidos os traballadores e traballadoras. O resultado do estudo sitúa o Estado español no mesmo grupo que Marrocos, El Salvador ou Ghana.


Non son bos momentos para as liberdades e dereitos sindicais no Estado español. A regresión que nestes anos se deu nestes campos sitúa a España na categoría de estados nos que, coma Marrocos, Ghana ou Sri Lanka, hai “violacións regulares dos dereitos”. Así se establece no Índice Global de Dereitos 2018, elaborado pola CSI en base a datos correspondentes a 142 países.

A Confederación Sindical Internacional (CSI), que representa 207 millóns de traballadores e traballadoras en 163 países e territorios, elabora anualmente un informe sobre violacións dos dereitos sindicais no mundo. É o Índice Global dos Dereitos, baseado en documentos e datos da Organización Internacional do Traballo (OIT). O índice recolle 97 indicadores recoñecidos internacionalmente e referidos a dereito a sindicación, liberdades civís, dereito á folga, liberdade para a acción sindical ou a negociación colectiva.  

“En Europa, 58% dos países vulneraron os dereitos de negociación colectiva e en tres cuartas partes dos países vulnerouse o dereito de greve”

En base ao resultado obtido deses 97 indicadores que permiten avaliar onde están mellor protexidos os dereitos dos e das traballadoras, clasifícanse os países en cinco categorías, que van desde o 1 (estados onde existe violación non regular de dereitos, como Suecia, Noruega, Dinamarca. Alemaña ou Uruguai) até o 5 (dereitos laborais e humanos non garantidos: Arabia Saudita, Turquía, China...). España figura, por primeira vez, na categoría 3, onde están aqueles territorios onde hai “violacións regulares de dereitos”.

Criminalización e represión

Malia que o ordenamento xurídico español concede constitucionalmente aos sindicatos un papel nas relacións laborais, o documento do CSI constata que no Estado español hai represión dos dereitos de reunión dos e das traballadoras, criminalización do dereito de greve, detención de sindicalistas durante o exercicio de folga ou servizos mínimos abusivos.

“As autoridades (españolas) reprimiron greves pacíficas e procesaron dirixentes sindicais empregando disposicións legais franquistas”

“[En España] rexistrouse unha crecente tendencia a procesar os sindicalistas para reprimir protestas, onde o goberno reactivou unha disposición franquista criminalizando as accións de greve”, explícase no Índice Global dos Dereitos. “As autoridades reprimiron greves pacíficas e procesaron dirixentes sindicais empregando disposicións legais franquistas”, recóllese noutra parte deste informe.

Preocupante

As principais conclusións do Índice Global dos Dereitos correspondente a 2018 son preocupantes: 87% dos países vulneraron o dereito de greve, 81% denegan a algúns ou todos os traballadores e traballadoras a negociación colectiva, 65% dos países exclúen os traballadores e traballadoras da lexislación laboral... “En Europa, 58% dos países vulneraron os dereitos de negociación colectiva e en tres cuartas partes dos países vulnerouse o dereito de greve”.

As tres tendencias mundiais sobre os dereitos dos traballadores identificadas no ïndice Global son: a redución do espazo democrático, a influencia empresarial ilimitada e a importancia da lexislación.