SANIDADE PÚBLICA

PACs en Pé de Guerra concentrouse ante o Sergas con cubos de xeo contra a conxelación salarial

PACs en Pé de Guerra concentrouse ante o Sergas con cubos de xeo contra a conxelación salarial
Concentración de PACs en Pé de Guerra
Concentración de PACs en Pé de Guerra  

O colectivo de traballadoras e traballadores da Atención Primaria Continuada de toda Galiza concentrouse diante do edificio central do Sergas para esixir negociacións ante o conflito laboral e a folga que manteñen desde xaneiro en prol dunha sanidade pública de calidade e contra a precariedade laboral no sector.


Ante o edificio central do Sergas en Santiago concentráronse máis dun cento de traballadoras e traballadores dos Puntos de Atención Continuada (PAC) da Galiza, ao mesmo tempo que se celebraba unha nova reunión do Consello Técnico de Atención Primaria no edificio institucional. Desde PACs en Pé de Guerra aproveitaron para reivindicar máis unha vez que se negocie e portaron cubos de xeo para denunciar que parte do seu soldo continua conxelado desde o ano 2010.

Desde PACs en Pé de Guerra denunciaron nese sentido que o 20% dos complementos do persoal da Atención Primaria Continuada están conxelados en relación a cen euros ao mes; razón pola que esixen ao Servizo Galego de Saúde que atenda as demandas e necesidades do cadro de persoal.

Denuncian que o 20% dos complementos do persoal da Atención Primaria Continuada están conxelados

De feito, o comité de folga solicitou o pasado 14 de maio unha reunión co conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e co xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, mais aínda non se realizou esa xuntanza.

Durante a mobilización afirmouse que as traballadora e traballadores dos PAC de Galiza continúan con firmeza na demanda das súas reivindicacións e que proseguirán coa folga indefinida que iniciaron en xaneiro até conquistar os seus dereitos.

Unha das últimas accións desenvolvidas pola plataforma PACs en pé de Guerra foi en maio, cunha vixilia baixo o lema "Anos queimados pola sobrecarga asistencial e a perda de dereitos laborais” en que puñan de manifesto que a sinxeleza das reivindicacións  como o feito de esixir que se lles proporcione alimentos ao persoal cando realiza unha garda de 24 horas ou que non teña que recuperar as horas das baixas, así como a recoñecemento e abono dos complementos conxelados desde o ano 2010.

Entre as peticións do colectivo tamén se manteñen a retirada dos obxectivos da derivación hospitalaria, equipos completos enfermaría-médica, revisión de plans funcionais e valoración de riscos así como a dotación equipos de protección acorde ao traballo que desenvolven.