EN TERMOS INTER-ANUAIS A EVOLUCIÓN É MELLOR

No último trimestre o paro cae menos en Galiza do que en España

No último trimestre o paro cae menos en Galiza do que en España
Oficina de emprego
Oficina de emprego  

A caída do número de persoas en desemprego —dados EPA, os únicos tidos en conta nas estatísticas europeas— alcanzou neste segundo trimestre de 2018, a respecto do primeiro, 6,17 por cento do total. A percentaxe foi maior no conxunto do estado, 8,06 por cento. A taxa de actividade galega —o índice de persoas incorporadas ao mercado laboral sobre o total disponíbel— continúa a ser inferior á española: 53,6 por cento fronte a 58,8 por cento. Empregamos menos persoas e, portanto, a economía galega cría menos valor.


1.075.800. Ese é o número de persoas ocupadas no mercado laboral galego, segundo a última EPA (Enquisa da Poboación Activa). No segundo trimestre deste ano, e en relación ao primeiro, atoparon traballo no noso país 25.700 persoas, un incremento de 2,45 por cento a respecto dos tres meses anteriores.

Caeu o desemprego na Galiza, en 6,17 por cento, o que supón que 11.500 persoas atoparon traballo neste período. O número de paradas e parados fica neste momento situado en 175.000.

O descenso do paro é maior no conxunto do Estado. A taxa de caída é de 8 por cento. Saíron do desemprego 306.000 persoas. A criación de emprego foi practicamente a mesma do que na Galiza, cun índice de aumento de 2,5 por cento a respecto do trimestre anterior, o que deita unha cifra total de 306.000 persoas.

En termos inter-anuais, o dato de caída do paro na Galiza é mellor do que no conxunto do estado

A perspectiva é distinta se, en vez de compararmos o segundo trimestre deste ano co primeiro, vemos os datos na súa evolución inter-anual. Se así o facemos, nos últimos doce meses o paro tería caído máis na Galiza (13,15 por cento, dos 201.500 aos 175.000 actuais) do que en España (10,84 por cento).

A taxa de paro galega —13,99 por cento— continúa a ser inferior á española —15,28 por cento— aínda que no último trimestre o comportamento desta variábel foi mellor no conxunto do estado (cun descenso de 1,46 por cento sobre o trimestre anterior) do que na Galiza (1,09 por cento).

A taxa de emprego, menor a galega que a española

Noutro indicador relevante o mercado laboral galego está peor do que o español. A taxa de emprego mide a relación entre o número de ocupados e a poboación potencialmente traballadora (maiores de 16 anos). En España o índice alcanza 49,81 por cento. Na Galiza fica en 46,1.

Canto á precariedade no traballo, 26,8 por cento das persoas ocupadas na Galiza teñen contratos temporais, exactamente a mesma percentaxe que no conxunto estatal.