Paro rexistrado: 95.000 contratos para 5.421 desempregadas menos en maio

Paro rexistrado: 95.000 contratos para 5.421 desempregadas menos en maio

A afiliación á Seguridade Social aumentou en maio en 7.814 persoas. O paro reduciuse en todos os sectores.


O paro rexistrado a 31 de maio na Galiza é de 160.805 persoas, segundo os datos do Ministerio de Traballo, o que supón un descenso de 5.421 persoas a respecto do mes anterior e de 15.891 na comparativa interanual, é dicir, en comparación co mesmo mes, maio, do ano anterior (2018). Unha baixada no desemprego rexistrado, pois, de 3,26% e 8,9% respectivamente, porcentaxes mellores que a media española, onde ese descenso foi de 2,6% a respecto do mes pasado e de 5,3% no interanual.

O paro baixou en todos os sectores, nomeadamente en servizos, con 3.732 persoas menos rexistradas. Séguelle Industria, cun descenso de 644; Construción, con 593 e Agricultura, con 248.  

No mes de maio asináronse 95.202 contratos de traballo, dos que a inmensa maioría (87.715) eran temporais. Así pois, rexistráronse 95.000 contratos de traballo para 5.421 parados e paradas menos.

No que atinxe á Seguridade Social, o número de persoas afiliadas é de 1.018.406, incrementando en 7.814 a respecto de abril. O aumento en porcentaxe é de 0,7%, menos que a media española (1,1%). Unha dinámica que tamén acontece no interanual: o incremento da afiliación á Seguridade Social nos últimos 12 meses na Galiza foi de 2% mentres no Estado foi de 2,78%.