O paro rexistrado descende en marzo en 2.868 persoas

O paro rexistrado descende en marzo en 2.868 persoas
A construción foi un dos sectores onde baixou o paro.
A construción foi un dos sectores onde baixou o paro.  

A afiliación á Seguridade Social volve superar o millón de cotizantes.


O número de persoas rexistradas no desemprego na Galiza descendeu en 2.868, unha baixada en 1,65% que mellora a media española (descendeu 1,03%). Se ben é un descenso menor que o rexistrado no mesmo mes do ano pasado hai que ter en conta que en 2018 en marzo caeu a Semana Santa, co seu tirón no emprego. Desde marzo de 2018 ao deste ano as persoas no paro rexistrado baixaron na Galiza en 14.000.

O desemprego descendeu en todos os sectores neste mes de marzo, nomeadamente no de servizos (1.752 persoas paradas menos) e no da construción, cunha baixada de 531. En Industria o descenso foi de 468 persoas e en Agricultura en 308. Aumentan, iso si, as persoas sen emprego anterior: 191 máis en marzo, achegándose o total a 14.500 persoas.

Mantense a alta taxa de temporalidade nas contratacións, unha marca da casa nos novos empregos que se están a crear no Estado. En marzo, dos 75.535 contratos asinados, máis de 68.000 eran temporais. A taxa de temporalidade na Galiza abeira 28% e é das máis altas de Europa canda a de Polonia.

Afiliación

A baixada no paro rexistrado acompañouse neste mes do aumento na afiliación á Seguridade Social, que se sitúa en 1.004.405 persoas. Son sete mil máis que no mes anterior. Iso si, o medre a afiliación é a un ritmo máis baixo que a media española (0,71% fronte á 1,98%).

O secretario confederal de Emprego da CIG alerta do risco de pobreza e de exclusión social que padece unha elevada porcentaxe das persoas desempregadas xa que só 94.630 perciben algún tipo de prestación e destas só 44.344 son contributivas.