ROSA ABUÍN (CIG), ANTE O CONVENIO DO SECTOR CONSERVEIRO

‘’A patronal conserveira propón pagarnos en especie. Que será o próximo? O dereito de pernada?”

‘’A patronal conserveira propón pagarnos en especie. Que será o próximo? O dereito de pernada?”
Rosa Abuín, megáfono en man
Rosa Abuín, megáfono en man  

Anfaco propón no borrador de convenio colectivo para a conserva pagar unha parte do salario das traballadoras en latas. Unha proposta que a CIG rexeite frontalmente, acusando a patronal de ‘’querer retornarnos ao XIX”. E pregunta:“Farían esa proposición se neste sector traballasen maioritariamente homes?”


Pagar até o salario mínimo inter-profesional (648 euros) en diñeiro e a partir desa cifra, até completar o soldo, pagar en especie, como por exemplo, con latas de conserva. Esa é a proposta que a patronal conserveira, Anfaco, inclúe no seu borrador para o novo convenio colectivo do sector, que en Galiza emprega 12.000 persoas, mulleres na súa inmensa maioría. Unha proposición, o pagamento en especie, que a CIG xa cualificou de retorno ao franquismo e de ‘’retrógrada, regresiva” ou “discriminatoria”. En conversa con Sermos Galiza, a responsábel deste sector na central nacionalista, Rosa Abuín, recoñece que fican sen adxectivos cos que definir a iniciativa patronal. “Queren devolvernos ao século XIX”.

A partir da vindeira semana vai comezar en Madrid a negociación do novo convenio colectivo. A CIG xa anunciou que non vai negociar nada “se non se retira ese borrador. Sentarse a negociar con esas propostas enriba da mesa é unha indignidade e un suicidio”, asegura Rosa Abuín, que convida o resto dos sindicatos a adoptar a mesma actitude.

A CIG xa anunciou que non vai negociar nada “se non se retira ese borrador" e empraza os outros sindicatos a se sumar a esta postura

“Esta proposta non se lle ocorrería aos empresarios nin en soños plantexala se quen traballase nas conserveiras fosen maioritariamente homes”, explica Abuín, que se pregunta cal será o seguinte paso: “Pedir o dereito a pernada?”.

Ademais: propostas para traballar máis e cobrar menos

Mais non é só o pagamento en especie o que irrita a CIG desta proposta patronal. Nela recóllense máis cuestións que a parte social considera inasumíbeis, como que haxa até un 15% de horas a disposición da empresa ou que a xornada laboral abranga os 7 días da semana, de segunda feira a domingo. A patronal, ademais, non ofrece ningún aumento salarial para 2015 e para os seguintes catro anos, dun 0,5%.

Desde CIG incidirase nunha proposta de incremento salarial, de redución de 10 horas/ano de traballo, considerar o acoso laboral como falta moi grave, facilidades a conciliar a vida laboral e familiar ou excedencias por riscos de parto. E manteñen viva unha loita xa tradicional no sector: a equiparación salarial entre mulleres e homes. Sendo estas abrumadora maioría, teñen salarios máis baixos. “Non pode ser que nunha conserveira un axudante de oficios varios -posto ocupado por homes- cobre máis que unha mestra de fabricación ou unha oficial de primeira -postos de mulleres-, porque o esforzo, a responsabilidade, o traballo e a necesidade de experiencia é mellor nestes que naquel”, di Abuín.

Convenio galego

Finalizado a finais de 2014 o convenio colectivo, a patronal quere que o novo que se acade teña unha vixencia de 5 anos. Un convenio a negociar en Madrid por ser de carácter estatal. A CIG defende un convenio galego -tendo en conta que no noso país está a inmensa maioría de factorías e traballadoras- e que a súa duración sexa só dun ano.