A patronal quer ser a túa médica de cabeceira

A patronal quer ser a túa médica de cabeceira
[Imaxe: SG]
[Imaxe: SG]  

A patronal pretende que as mutuas controlen tamén as baixas laborais por enfermidade común, campo até o de agora reservado á sanidade pública. As empresas alegan fraudes nas baixas ou elevado absentismo laboral. Mais os dados non corroboran ese discurso alarmista. De feito, o español é dos Estados con menos baixas fraudulentas en Europa. Eis un extracto da reportaxe publicada ao respecto no número 345 do semanario en papel Sermos Galiza.


mini_5 (1)A saúde dun traballador ou traballadora non se mide só en parámetros estritamente sanitarios. A reforma que propiciou a nova Lei de Mutuas e a capacidade destas para avaliar, decidir, presionar ou dirimir sobre a alta ou baixa dunha persoa asalariada mete máis variábeis nunha ecuación perversa: do aforro de diñeiro aos intereses da produción.

Neste escenario pode producirse unha nova volta de torca, tamén a favor dos intereses da patronal: a CEOE quer que sexan as mutuas colaboradoras da Seguridade Social as que controlen tamén as baixas laborais por enfermidade común, até o de agora restrinxidas á sanidade pública. +

Unha demanda que vén após anos de discursos nos que desde as empresas se incide nas fraudes dos traballadores e traballadoras enfermas en IT (Incapacidade Temporal) ou mesmo distorsionando a repercusión real do absentismo laboral.

“A non asistencia ao traballo por parte dun empregado do que se pensaba que ía asistir, agás: por vacacións, folgas, causa médica ou baixa laboral”. Ese é o absentismo laboral para a OIT, Organización Internacional do Traballo. Unha definición “manipulada”, segundo sindicatos como a CIG, pola patronal, que impulsou por “fortes intereses económicos” unha “ofensiva” para que as mutuas amplíen o seu poder no mundo laboral.

Unha ofensiva coa que poder meter a man nas baixas laborais por continxencias comúns, nomeadamente nas de problemas muscoesqueléticos (34%), patoloxías traumáticas (12,6%) ou problemas de carácter mental ou psicolóxico (12).

O Estado español figura entre os Estados europeos onde menos baixas fraudulentas hai. Contra o que se poida crer popularmente, o absentismo laboral sen xustificar é maior nos países onde hai máis riqueza e Estado de benestar (Suecia, Dimanarca, Alemaña) que en Portugal, Grecia ou Romanía.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 345 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]