NOVA MOBILIZACIÓN

O persoal de Alcoa segue "en pé de guerra"

O persoal de Alcoa segue "en pé de guerra"
[Imaxe: Marea Atlántica]
[Imaxe: Marea Atlántica]  

 

Lonxe de se abateren, as traballadoras e traballadores de Alcoa continúan coas mobilizacións e no mediodía do sábado tinguiron de laranxa –a cor das súas camisolas reivindicativas– a praza de María Pita, na Coruña. Esixen a retirada do ERE que suporía o despedimento do persoal tras o anuncio do feche da planta coruñesa.


DsM5YLyWsAE4aZyBerros de “Aluminios non se pecha” e camisolas laranxas formaban parte no mediodía do sábado da estampa que ofrecía a praza coruñesa de María Pita, onde traballadoras e traballadores, sindicatos e partidos políticos protestaron contra o peche da planta de Alcoa.

Convocado polo Comité de Empresa –que na mañá do sábado urxiu o Goberno central a impulsar unha propostas para paralizar o expediente de regulación de emprego–, o persoal voltou a saír á rúa para reclamarlle á multinacional unha solución alternativa ao feche.

As traballadoras e traballadores despregaron da casa consistorial da Coruña unha faixa co lema “Alcoa non se fecha” e encheron de fume laranxa a praza. En declaracións a Sermos Galiza, Julio Moskovich, delegado sindical da CIG na planta coruñesa de Alcoa, puxo de manifesto que o cadro de persoal “segue en pé de loita” un mes após o anuncio do feche da fábrica, que suporía o despedimento de 400 persoas.

“Imos seguir protestando porque pasan os días pasan e non vemos solución. Seguimos presionando para que tanto a Xunta de Galiza como o Goberno central traballen por evitaren os nosos despedimentos”, afirma o traballador, quen pon o foco na necesidade de dotar dun estatus especial a industria electrointensiva para crear unha tarifa enerxética competitiva, estábel e predicíbel.

A CIG reclama unha tarifa enerxética competitiva, estábel e predicíbel

“A ministra apuntaba días atrás que había empresas interesadas en se faceren cargo da fábrica, mais non nos enganemos, quen veña vai querer saber canto lle vai custar a tarifa eléctrica nos próximos dez anos”, salienta Moskovich, quen lembra que a CIG “ten unha proposta para solucionar isto”.

O traballador asegura que a ollada do Comité de Empresa está agora centrada en Rotterdam, onde esta segunda feira vai ter lugar a vista oral coa que se inicia o procedemento xudicial que deriva da denuncia á multinacional por incumprir o trámite de información e consultas cando anunciou o ERE. “En función do que aconteza en Rotterdam, intensificaremos as mobilizacións”, asegura. De momento, e cada día, as traballadoras e traballadores protestan ao pé da fábrica entre as 17.30 horas e as 18.30 horas.

“O camiño é longo duro, pero máis duros somos nós, que estamos preparados para darmos a loita”

Pola súa banda, en declaracións aos medios, o presidente do Comité de Empresa, Juan Carlos López Corbacho, referiuse ao estado de ánimo do cadro de persoal, “o camiño é longo duro, pero máis duros somos nós, que estamos preparados para darmos a loita”. O responsábel do comité destacou na protesta que se atopan á espera de que a empresa responda á proposta que lle remitiron a pasada sexta feira e na que solicitan a retirada do ERE e a apertura da negociación, en base ao oficio emitido pola Dirección Xeral do Traballo, que aludiu á “mala fe” da multinacional na presentación do expediente.

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro (Marea Atlántica), tamén tomou a palabra na mobilización para apelar a “unha fronte común” a favor do futuro da fábrica coruñesa. O rexedor reiterou as mensaxes de apoio ás traballadoras e traballadores: “Teñen unha cidade detrás, todas as coruñesas e coruñeses nos sentimos traballadores de Alcoa. Non imos rendernos. Non baixaremos as mans até que non se atope unha solución”.



x