Persoal celador protesta en Compostela en defensa do servizo e contra a privatización

Persoal celador protesta en Compostela en defensa do servizo e contra a privatización
Concentración de persoal celador diante do edificio da Xunta en Compostela  [Imaxe: Riobó Prada]
Concentración de persoal celador diante do edificio da Xunta en Compostela [Imaxe: Riobó Prada]  

Máis de 400 persoas concentráronse diante da Xunta e marcharon en manifestación ao Sergas para exixir que se manteñan os seus postos de traballo nos PAC e centros de saúde.


Membros da Asociación de Celadoras e Celadores Galegos (ACeG) manifestáronse esta cuarta feira en Compostela para reivindicar que se manteñan os seus dereitos, os postos de traballo nos PACs e centros de saúde e en denuncia pola privatización do servizo.

A concentración comezou diante dos edificios administrativos da Xunta da Galiza en Compostela onde varios membros da asociación entregaron por rexistro un escrito con 7.864 apoios que reuniron esta pasada semana.

Miguel Babío, membro da asociación, explicou a Sermos Galiza que exixen que se lles “recoñeza a categoría profesional que corresponde, aprobada por lei desde o 2012 e que se manteñan os postos de traballo en PACs e centros de saúde”. Denuncia que “se está a facer unha privatización do servizo de forma encuberta, metendo empresas privadas a traballar”.

Outra membro da asociación, Carmen Mesejo, explica que “están quitando postos de traballo que son necesarios”.

Contratación precaria

O persoal celador figura nunha listaxe que encamiña a contratación. “Tes que estar pegado ao teléfono as 24 horas, se non colles ou non contestas penalízanche o contrato”, sinala, “xente do final da listaxe igual ten un contrato de meses e igual ti tes un día de contrato”.

Outra das demandas é a redución das zonas. “O distrito de Santiago, por exemplo, implica Noia e Outes, un día de traballo non compensa nesas distancias”.

Entre as súas demandas figura tamén que se oferten todas as prazas vacantes no concurso de traslado e que se remate coa precariedade nos contratos de traballo.